14 diciembre, 2021
Este trámite oficializa o protocolo asinado no seu día e fixa as obrigas e compromisos que asume cada unha das partes.
O acordo contempla o dereito de reversión dos terreos a favor do Concello si algún día o novo edificio deixase de prestar servizo como centro de saúde.
O Sergas incorporará ao novo edificio o mural que preside a fachada principal da Comandancia.
Crearase unha comisión de seguimento para impulsar e avaliar o a execución do convenio.
Sanidade esta a traballar xa na redacción do proxecto da nova infraestrutura sanitaria.
A construción do novo centro de saúde no solar da Comandancia segue avanzando. O Concello de Vilagarcía vén de cubrir un novo trámite para continuar co desenvolvemento do esperado proxecto. A Xunta de Goberno Local celebrada onte vén de aprobar convenio de colaboración que oficializa e fixa as obrigas e compromisos a cumprir por Concello e Sergas para a construción da demandada e necesaria infraestrutura sanitaria. De forma paralela, dende a Consellería de Sanidade están a traballar xa dende hai uns meses na redacción do proxecto, segundo lle informaron ao alcalde.
O convenio de colaboración, que proximamente asinarán o alcalde, Alberto Varela Paz, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, consolida e confire carácter de obriga á declaración de intencións recollidas no protocolo asinado o pasado 30 de xullo entre o alcalde, o conselleiro de Sanidade e o presidente da Autoridade Portuaria, no que se establecían as bases da colaboración entre as tes institucións para a futura construción do centro de saúde no solar da antiga Comandancia de Mariña.
No convenio, ademais de recoñecer a “necesariedade da construción dun novo centro de saúde en Vilagarcía” “a fin de dar unha mellor resposta aos problemas de saúde da poboación, mediante actuacións que permitan mellorar as dotacións e infraestruturas adicadas á atención asistencial da cidadanía”, especifícanse aspectos como que, segundo o Plan Funcional do Sergas, se precisa unha superficie de 5.224 metros cadrados (cunha edificabilidade mínima de 5.500 metros cadrados) para o novo centro de saúde, e corrobora que o emprazamento definitivo será o solar da Comandancia.
Tal como xa se avanzara, e agora se recolle de forma oficial neste acordo, o Concello comprométese a adquirir o solar á Autoridade Portuaria, (por 1.157.406 euros), a demoler a edificación actual e a ceder gratuitamente os terreos ao Sergas para que este constrúa nel a infraestrutura sanitaria. O organismo autonómico asume a redacción do proxecto, contratación, dirección e execución das obras da infraestrutura sanitaria con cargo aos seus orzamentos.
Dado que facer efectiva a compra do solar require unha serie de trámites no Porto e ante a administración Estatal, da que depende, que non son inmediatos, no convenio especifícase tamén o procedemento que se seguirá para non demorar a construción do centro de saúde. Para que o Concello poida xa dispor dos terreos, o que xa é efectivo, asinouse co Porto a xestión dos mesmos polo sistema de concesión administrativa ata que non se completen os trámites da desafectación e a venta, un proceso que calculan pode tardar uns dous anos. Neste tempo o Concello abonará ao Porto un canon de 50.000 euros anuais. Unha vez o Porto desafecte os terreos, poderase materializar a compra e, a continuación, procederase á efectuar a cesión gratuíta, libre de cargas e definitiva dos terreos ao Sergas.
No convenio tamén se especifica que na escritura pública da cesión dos terreos ao Sergas, contemplarase o dereito de reversión a favor do Concello no suposto de que o inmoble a construír deixara de prestar servizo como centro de saúde.
Ademais, o Sergas comprométese a incorporar ao novo edificio o mural que preside a fachada principal da Comandancia.
O documento detalla outros aspectos polo miúdo, como a bonificación das taxas de construción e IBI ao novo centro de saúde, aspectos xa aprobados polo Pleno, e a que o Concello facilite ao Sergas diversa documentación como os planos topográficos das instalacións de servizos, ou a tramitar os permisos necesarios para acometer as obras, realizar un estudo de mobilidade para ordenar a circulación en base ás necesidades do futuro centro sanitario, ou a constituír unha comisión de seguimento. Este órgano estará integrado por dous representantes de cada parte e terá como obxectivo impulsar e avaliar o cumprimento do convenio.
Alerta