O obradoiro de emprego “Xóvenes” clausurouse despois dun ano

Compartir
Clausura xóvenes. Fonte: Concello

O alcalde e a concelleira Carmen Gómez asistiron ao acto, xunto coa directora xeral de Formación e a xefa territorial de Emprego.

O alumnado asistiu a clases teóricas, e realizou obras de utilidade pública no pavillón de Beiro e nas áreas de lecer de Valga.

 

 

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Emprego, Carmen Gómez, asistiron este mediodía en Moraña ao acto de clausura do Obradoiro de Emprego “Xóvenes”, no que se formaron durante un ano dezaseis mozos de entre 18 e 36 anos nas profesións de albanelería e forestais.

 

Na clausura, que tivo lugar no Auditorio de Moraña, tamén participaron a directora xeral de Formación e Colocación da Xunta, Zeltia Lado, a xefa territorial de Emprego, Marta Mariño, o alcalde de Moraña, José Cela, e a directora do Obradoiro, Mª Carmen Vidal, así coma o persoal docente e administrativo e os alumnos.

 

Clausura xóvenes. Fonte: Concello

 

Durante doce meses os participantes recibiron formación teórica relacionada coas profesións da construción e acondicionamento forestal. Tamén se impartiron módulos de prevención de riscos laborais, alfabetización dixital, sensibilidade ambiental e igualdade. Ademais, realizaron traballos prácticos consistentes en obras de utilidade pública nos dous concellos.

No caso de Valga, a mellora dos aseos e vestiarios do pavillón municipal de Beiro e o acondicionamento de zonas verdes e áreas de lecer coma a Mina Mercedes, o miradoiro de Beiro ou o Parque Irmáns Dios Mosquera. Durante o ano de duración do Obradoiro os aprendices foron retribuídos co salario mínimo interprofesional.

 

Clausura xóvenes. Fonte: Concello

 

No acto de peche do proxecto, Bello Maneiro deu a noraboa ao equipo directivo e docente e, sobre todo, ao alumnado polo esforzo e o traballo realizado. Grazas á formación recibida, algún dos aprendices xa conseguiu traballo e “agardamos que os demais consigan tamén insertarse no mercado de traballo”.

Este, lembrou, foi o quinto Obradoiro de Emprego promovido conxuntamente por Valga e Moraña e “seguiremos loitando para que a mocidade e o resto de desempregados dos dous concellos poida acceder a formación” para mellorar, así, as súas expectativas laborais.

 

Clausura xóvenes. Fonte: Concello

 

O rexedor valgués agradeceu á Xunta de Galicia a subvención de máis de 400.000 euros concedida a través da iniciativa de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo. “Sen esta aportación sería imposible que os dous concellos puidésemos poñer en marcha este Obradoiro”.