Foto de grupo diante do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres
12 abril, 2025
A Igrexa de San Domingos de Bonaval acolleu esta mañá o acto de constitución formal da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, un paso histórico que culmina un longo proceso de diálogo institucional e social. A nova entidade, chamada a xestionar e proxectar este espazo simbólico da memoria colectiva de Galicia, está integrada pola Xunta de Galicia, o Parlamento, a Arquidiocese de Santiago e o Concello da capital galega.
No acto participaron representantes de todas as institucións implicadas, así como unha ampla representación da sociedade compostelá e galega. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, celebrou que “por fin se inaugura unha nova etapa para un espazo que, como dicía Rosalía, non pode acabar o que é eterno”. Para a rexedora, o Panteón debe converterse nun “centro de referencia do país, coas portas abertas” e cunha programación estable que o sitúe entre os principais puntos de interese da cidade e de Galicia.
Sanmartín puxo en valor a dimensión nacional do Panteón, onde descansan figuras como Rosalía de Castro, Castelao, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas ou Domingo Fontán. “Non estamos só ante mausoleos, senón ante un espazo para recoñecernos e para proxectarnos como nación, cunha lingua, unha historia e unha cultura propia que merece ser celebrada”, afirmou.
A alcaldesa defendeu que este novo organismo permita “abrir definitivamente as portas” do Panteón á cidadanía e ás entidades culturais, coa posta en marcha dun regulamento de usos, honras e cerimonias que se deberá aprobar no prazo dun ano. Apostou tamén por integrar o Panteón en roteiros literarios, visitas oficiais e conmemoracións nacionais, tomando como exemplo os grandes panteóns de París ou Lisboa.
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou que a constitución da Fundación exemplifica a cooperación e lealdade institucional necesarias para seguir construíndo “esa Galicia Calidade que todos queremos”. Rueda destacou a unidade entre as institucións públicas, a Igrexa e a sociedade civil na posta en marcha da entidade, e defendeu o valor simbólico dun espazo que “representa a todos os galegos e a todas as galegas, con independencia de ideoloxías ou aspiracións”.
O titular do Goberno galego fixo fincapé en que a nova fundación será “o instrumento idóneo para materializar a elevada responsabilidade que se nos encomenda” e para consolidar o Panteón como símbolo da identidade galega. Citou tamén ás figuras que repousan en Bonaval como representación dos “mellores sentimentos do noso pobo” e exemplo dun “galeguismo integrador” que debe inspirar a acción institucional.
A Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres nace ao abeiro da Lei 5/2023, do 4 de agosto, que recoñece este espazo como símbolo da continuidade histórica do pobo galego e da súa identidade. A entidade terá como misión a conservación, xestión e promoción do Panteón e dos valores que representa, e rexerase polos seus propios estatutos, baixo tutela do Parlamento de Galicia.
Alerta