Os cinco meses transcorridos dende que o Partido Popular accedeu ao goberno da Deputación tralas últimas Eleccións Municipais son tempo máis que suficiente para que o novo plan provincial de financiamento dos concellos tivese sido aprobado, publicado e convocado. Os 18 alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia de menos de 50.000 habitantes veñen de asinar un Manifesto para lamentar este atraso e reclamar que se aproben dunha vez por todas as bases, “a letra pequena”, do instrumento que vai substituír ao Plan Concellos e do que pouco máis se sabe que o PP teno rebautizado como “Máis Provincia”.
O voceiro socialista na Deputación, Carlos Font, destaca que estamos diante dunha situación insólita pois o ano está piques de rematar e nada se move na Deputación “a ritmo caribeño” do PP. “Se pode ser antes das uvas estaría ben, porque hai que lembrar que o período de presentación dos proxectos ao anterior plan Concellos abriuse sempre o 1 de xaneiro”.
Carlos Font explica que as bases e a convocatoria do Plan Concellos foron sempre aprobadas no pleno provincial antes de novembro, en paralelo co
Orzamento provincial. O ano pasado publicáronse no Boletín Oficial da Provincia o 30 de outubro. E, ademais, sempre se remitiu unha carta informativa a tódolos concellos coa asignación prevista a cada un. O atraso deste ano, moi entrados xa no mes de decembro, está a espertar unha gran preocupación toda vez que se teñen anunciado cambios xenéricos, pero nada se sabe oficialmente sobre os criterios de reparto.
O voceiro do Partido Socialista na Deputación subliña que un total de 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes (todos excepto Vigo
e Pontevedra) teñen os seus orzamentos municipais parados á espera de coñecer cantos fondos e en que condicións vai achegar a Deputación co
cambio de modelo anunciado polo Partido Popular. Algo que non ten precedentes recentes.
O Manifesto, rubricado polos alcaldes socialistas de Vilagarcía, O Grove, Caldas de Reis, Cambados, Forcarei, A Illa de Arousa, Redondela, Rodeiro,
Ponte Caldelas, Vilaboa, Nigrán, Fornelos de Montes, A Cañiza, Meis, Silleda, O Grove, Cuntis e Gondomar, subliña a incerteza que supón, a piques de rematar o ano, que aínda se descoñeza a asignación que cada concello vai dispor da Deputación para realizar obras e servizos, en cumprimento da Lei de Bases de Réxime Local.
Os alcaldes e alcaldesas socialistas recordan que foron convocados a unha presentación xenérica o pasado 16 de outubro, xa con moito atraso dende
o nomeamento do novo presidente provincial, Luis López, e, dende entón, a opacidade é total. “Temos bloqueada a planificación do próximo ano e a
tramitación dos Orzamentos municipais porque coñecer a “letra pequena” e a dotación total que nos vai corresponder co novo plan de financiamento regrado para 2024 é un paso previo fundamental”, subliñan no Manifesto.
Os responsables municipais do PSOE reivindican o “gran avance” que supuxo o nacemento do Plan Concellos en 2016, o primeiro gran plan regrado na historia da Deputación, que garantiu que tódolos concellos de menos de 50.000 habitantes, goberne quen goberne, recibiran unha achega anual da Deputación estable en función dunha fórmula matemática nas que se valora poboación, extensión e dispersión. E, ademais, repartindo a dotación total a partir da subdivisión da provincia en concellos de menos de 10.000 habitantes, de ata 20.000 habitantes e de ata 50.000 habitantes co obxectivo de garantir o financiamento preferente aos concellos máis pequenos, tal e como establece a lei. “Non podemos permitirnos dar pasos atrás, nin a volta ao partidismo”, subliña o
manifesto.
O Plan Concellos financiou nos seus 8 anos de vixencia, entre 2016 e 2023,
máis de 3.000 obras, fixo posible a contratación de máis de 9.000 persoas
para prestar temporalmente servizos municipais e garantiu servizos e
subministracións en toda a provincia, converténdose nun instrumento
vital, especialmente para os concellos máis pequenos, que financiaron a
práctica totalidade dos seus investimentos con esta ferramenta.