O pavillón municipal da Cañiza estrea a rehabilitación dos vestiarios financiada co Plan Concellos da Deputación

Compartir
Obras vestiarios do pavillón. Fonte: Concello

A presidenta Carmela Silva e o alcalde Luis Antonio Gómez Piña asistiron á inauguración das obras realizadas na instalación deportiva, que se completarán cos novos traballos de renovación nos vestiarios restantes.

 

O Pavillón Municipal da Cañiza loce xa renovados vestiarios, cuxa reforma foi financiada a través dunha achega de máis de 60.000 euros do Plan Concellos da Deputación e que hoxe visitaron a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, Luis Antonio Gómez Piña, así como o deputado provincial Santos Héctor Rodríguez e representantes da corporación municipal. No acto estiveron tamén presentes xogadoras e persoal técnico do Club Balonmán A Cañiza sénior feminino, que esta tempada está a disputar a competición na División de Honor Prata neste pavillón.

As obras realizadas tiñan como obxectivo mellorar as condicións de salubridade e ventilación de tres dos vestiarios, un masculino, un feminino e o das persoas árbitras, que están conectados por un corredor común. Estas dependencias databan do ano 1983 e apenas sufriran modificacións desde entón, de xeito que presentaban unha serie de danos de humidade e as condicións de salubridade e ventilación natural eran insuficientes. Os traballos acometidos incluíron entre outras actuacións a renovación das instalacións de electricidade e fontanería, coa instalación de novos aparatos sanitarios, así como a execución de novos revestimentos nas paredes da zona de duchas e o seu pintado con materiais resistentes á humidade. As obras completáronse coa dotación dun novo pavimento anti escorregadizo no chan, coa substitución do falso teito de madeira por un de aluminio e con outras intervencións nas zonas de duchas, encamiñadas a garantir a seguridade e ao aforro de auga.

 

Obras vestiarios do pavillón. Fonte: Concello

 

 

A presidenta Carmela Silva destacou o resultado da actuación realizada e as “excelentes condicións” que presentan os reformados vestiarios, unha obra que se completará coa renovación das restantes dependencias de vestiarios a través do Plan Concellos 2021, cunha achega de preto de 50.000 euros que xa está aprobada pola Deputación. Carmela Silva subliñou que o apoio ao deporte “é unha obriga e unha grande prioridade” para a institución provincial, “e de xeito máis especial nos concellos máis pequenos onde hai menos recursos, onde facemos un enorme esforzo en apoiar aos clubs e para que os equipamentos deportivos estean en condicións, xa que a xente ten dereito a practicar deporte en boas dotacións”.

 

Obras vestiarios do pavillón. Fonte: Concello

 

A presidenta provincial subliñou tamén que o compromiso “e o enorme esforzo” do Concello da Cañiza no eido deporte vese tamén no proxecto presentado aos fondos do plan ReacPon, para a reforma da piscina climatizada para reformar as instalacións a fin de garantir a súa eficiencia enerxética e sostibilidade. “Espero que A Cañiza poida ter financiamento para esa grande obra e teña equipamentos do século XXI”, subliñou Carmela Silva, que lembrou que o vindeiro ano os concellos poderán ter máis recursos dispoñibles ao contar coa totalidade do Plan Concellos 2022 máis a Liña 1 (obras e investimentos) do 2023, “de xeito que poderán tomar máis decisións; seguro que A Cañiza seguirá a apostar polo deporte”.

Carmela Silva fixo un recoñecemento especial aos equipos do concello “polo esforzo que están a facer”, en especial ao Club Balonmán A Cañiza e ao seu equipo sénior feminino. “Síntome moi orgullosa das mulleres deportistas, apuntou. Hai 100 anos tiñamos prohibido competir e hoxe non hai máis que ver o medalleiro das Olimpíadas e Paraolimpíadas. As mulleres cando se nos dá oportunidade de facer deporte rapidamente ocupamos espazos na alta competición. Esta é a provincia máis potente no deporte grazas a moita xente”.

 

Obras vestiarios do pavillón. Fonte: Concello

 

Pola súa banda, o alcalde, Luis Antonio Gómez Piña, destacou que a reforma dos vestiarios era un compromiso do concello cos equipos e coa veciñanza “para dignificar” estes espazos. “Estou contento porque quedou unha obra bonita á altura do que nos merecemos e do que se merecen tamén os equipos visitantes”. Neste senso, o rexedor fixo fincapé nas “bondades” do Plan Concellos da Deputación, que “respecta a nosa autonomía sobre onde queremos gastar os cartos e permiten facer os trámites adecuadamente” no que se refire ao cumprimento dos prazos, “con firmeza e sentido común”. Gómez Piña confía en obter financiación do ReacPon para o proxecto da piscina climatizada, “que vai dar solución a algo que había que solucionar; se o conseguimos vainos permitir reformala e abaratar costes”.