9 noviembre, 2021
A proposta conxunta das concellerías de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e de Promoción Económica e Turismo inclúese entre os 9 proxectos aprobados, de entre os 19 presentados.
Tino Fernández lembra que as achegas comunitarias suporán unha inxección de 14,6 millóns de euros en Galicia, das que o plan do noso Concello de Pontevedra aspira a obter 2 millóns.
O Plan de Sostibilidade Turística deseñado conxuntamente polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e de Promoción Económica e Turismo logrou ser elixido entre os 9 proxectos consensuados, e aprobados polo Goberno central e a Xunta para incluírse dentro dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino, (PSTD) que se desenvolverán en Galicia ao amparo do Plan Territorial Litoral e que suporán unha inxección global de 14,6 millóns de euros provintes dos fondos europeos Next Generation na nosa comunidade. Deste xeito, a proposta plantexada por Pontevedra, que competía con outros 18 proxectos presentados á convocatoria extraordinaria destes Plans, e cuxa solicitude inicial ascendía a máis de 5 millóns de euros, atópase entre os mellor puntuados na avaliación realizada por ámbalas administracións públicas.
Nesta selecta lista tamén lograron ser aprobados, ademais do de Pontevedra, dous proxectos da Deputación da Coruña, (o de Fragas do Eume e o de desenvolvemento do Xeoparque Cabo Ortegal), o das Mariñas-Betanzos, o de Muros e Noia e o dos concellos de Ribeira, Sanxenxo, Marín e Baiona. A boa nova foi avaliada esta mañá, un día despois de que a Xunta lle remitise ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a súa proposta de asignación de fondos para os 9 proxectos elixidos, nunha rolda de prensa na que participaron o tenente de alcalde e voceiro do Grupo Municipal do PSOE, Tino Fernández; o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco.
“En base á proposta realizada pola Administración autonómica para o reparto deses 14,6 millóns de euros -subliñou Fernández-, aos plans presentados polo Concello de Pontevedra, As Mariñas-Betanzos e Muros e Noia se lles adxudicaría 2 millóns de euros a cada un, o máximo solicitado neste reparto, mentres que aos proxectos da Deputación da Coruña (Fragas do Eume e Xeoparque Cabo Ortegal) e aos dos concellos de Marín e Sanxenxo se lles concederían fondos por importe de 1,5 millóns de euros, e os de Ribeira e Baiona 1,3 millóns. Somos, polo tanto, a única gran cidade galega proposta, xa que no caso de Coruña trátase realmente de dous proxectos coordinados”.
Á hora de puntuar as diferentes propostas (unha puntuación que establece a contía dos fondos que se percibirán) tivéronse en conta os criterios fixados no Plan de Recuperación e Resiliencia, baseados na calidade, coherencia e precisión do proxecto, a vocación turística do destino e o aliñamento coa estratexia de desenvolvemento turístico estatal e autonómico. Ditos criterios de valoración conxunta foron fixados na convocatoria da Estratexia de Sostibilidade Turística en Destino da Secretaría de Estado de Turismo (Setur), en coherencia cos eixos de transformación do Fondo Next Generation: transición verde e sostible; eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade.
Uns potenciais que debemos poñer en valor
Segundo explicou Iván Puentes, “co Plan de Sostibilidade Turística en Destino búscase afondar no exitoso modelo de transformación urbana de Pontevedra, recoñecido internacionalmente, incorporando ao mesmo a dimensión turística e aliñando a nosa estratexia cos obxectivos da Axenda Urbana 2030”. Na súa opinión, “a cidade conta cun gran potencial turístico como capital de provincia e das Rías Baixas, que é preciso poñer en valor a través da unión de recursos culturais, patrimoniais, gastronómicos e naturais”, xa que agora mesmo “non dispoñemos dunha oferta o suficientemente estruturada”.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible considera que estes fondos europeos supoñen “unha moi boa oportunidade para converter a cidade en referencia española dos destinos urbanos verdes e sostibles, en especial a través do valor ambiental da estratexia deseñada”. Non obstante, en liña coas orientacións do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, o proxecto de Pontevedra achega un 65% do seu orzamento á Transición Verde e a mellora da eficiencia enerxética como instrumento para loitar contra o cambio climático. En concreto: 43,01% para Transición Verde, 21,5 % para Eficiencia Enerxética, 14,85 % para Transición Dixital e 20,64% para Competitividade Turística.
Alerta