30 septiembre, 2021
A Corporación tamén decidiu que os festivos locais do ano 2022 serán o
20 de xuño e o 29 de setembro.
O Pleno de Ponteareas reuniuse o pasado martes para tratar distintos asuntos
de importancia para a vila. Entre eles, destaca a aprobación por unanimidade
do convenio de colaboración para a ampliación e reforma da depuradora do
Municipio.
As catro forzas políticas representadas votaron a favor do acordo do
Concello coa Xunta de Galicia e o Estado, que permitirá levar a cabo as obras
de ampliación e reforma da estación depuradora de augas residuais da
Moscadeira, dando así solución a un dos problemas históricos máis graves da
vila, a contaminación do Tea e a falta de saneamento no rural.
O convenio contempla un investimento de 11,7 millóns de euros para a
execución e explotación destas actuacións de saneamento e depuración,
financiados ao 50% polo Estado con fondos europeos, ao 30% polo Concello, e
ao 20% pola Xunta. As obras tamén contemplan a mellora do saneamento,
reducindo as filtracións e separando as augas procedentes da choiva que ata o
de agora aumentaban o caudal que recibía a depuradora. Todas estas
actuación deberán estar rematadas en 2021.
Durante o pleno tamén se aprobaron os días festivos para o ano 2022,
acordados previamente coas asociacións de comerciantes da vila, e que serán
o 20 de xuño e o 29 de setembro. Outro dos asuntos relevantes que se
discutiron no pleno foi a moción de urxencia presentada pola Concellaría de
Educación, que dirixe a Alcaldesa Cristina Fernández Davila, para solucionar a
falta dun traballador social no centro de educación especial Saladino Cortizo.
Foi aceptada, e todos os partidos aceptaron reclamar o máis rápido posible a
ocupación desta praza e tamén solicitar que ese posto non sexa amortizado nin
por baixa nin xubilación, xa que é imprescindíbel no centro educativo.
Alerta