19 noviembre, 2021
O evento, patrocinado pola Concellería de Promoción Económica, incluirá charlas divulgativas, torneos de diferentes xogos e emisións en directo de equipos, exhibicións e streamers.
O acto inaugural contará con música en directo dun grupo que tocará temas históricos dos videoxogos e cunha exhibición de Onente, un dos mellores equipos de Fifa de Europa.
Amantes e referentes galegos do mundo do gaming daranse cita no Pazo da Cultura os días 2, 3 e 4 de decembro na primeira edición do PING (PontevedraInGames), un evento impulsado pola produtora Vamos a Primera e patrocinado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo co que Pontevedra aspira a converterse en capital autonómica dos videoxogos e cuxo completo programa de actividades incluirá torneos, charlas e emisións vía streaming. Os eventos do PING están orientados a tódolos públicos, contemplando alternativas para os máis pequenos (obradoiros), os mozos e mozas (streamers e torneos), e a xente adulta (exposicións, conferencias e competicións).
O programa porase en marcha o xoves 2 de decembro a partir das 19:00 horas cun acto de apertura e presentación que terá música en directo da man do grupo Son do Gaming, que tocará temas históricos dos videoxogos, e unha exhibición de clubs Pro Fifa 22 na que Onente, un dos mellores equipos de Fifa de Europa, se enfrontará á Selección Galega (nunha sesión inaugural que se desenvolverá ata as 21:30 horas). A cita continuará durante toda a xornada do venres 3 de decembro, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:30 horas, cunha oferta que abrangue o obradoiro ‘Bluescola’, con Polygonestudios; as conferencias ‘Tu idea + Comtecart=Proxecto’ e ‘Creando Videoxogos Educativos’, da man de Beatriz Legerén (da Universidade de Vigo), e Miguel Areán; torneos de Mario Kart, Age of Empires II e Rocket League, e o programa en directo ‘Gaming Show Streaming Finais Torneos’.
A xornada de clausura do sábado 4 de decembro, que terá o mesmo horario que a do venres, abrirase con tres conferencias: ‘Devuego, unha plataforma de apoio aos #videojuegosespañoles’, protagonizada por Yova Turnes; ‘A Localización de Videoxogos: do texto á pantalla’, a cargo de Ramón Méndez, e ‘O Videoxogo como elemento cultural’, con Carlos Pereiro, Galo e Jacobo Martínez. Entre os eventos destacados do día figuran un directo da streamer galega Spirit e outro titulado ‘O coleccionismo geek: o Mario da 64 xa vale máis que un bitcoin’, con Rubén Vázquez e Martín Losada; torneos de Smash Bros e Fifa 21, e o programa ao vivo ‘Gaming Show Streaming + Recuncho Gamer’.
O programa de eventos deste primeiro PonteInGames, presentado hoxe pola mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco; a ‘alma mater’ destas xornadas e responsable de Volvemos a Primera, o produtor Pablo Cacheda, e os membros do seu equipo Lucía Porto (produción) e Víctor Couto (axudante), tamén incluirá a exposición permanente de videoxogos e consolas antigas do Muvi (Museo do Videoxogo). Tal e como subliñou Yoya Blanco, “a programación do PING fixo especial fincapé en reunir tres grandes ramas dos videoxogos, que son a parte divulgativa/educativa, con charlas e conferencias polas mañás; o ámbito da competición, con torneos de diferentes videoxogos, e o eido do streaming, a través de equipos, exhibicións e streamers en directo”.
Alerta