
31 octubre, 2025
O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas anunciou onte no pleno a ruptura total de relacións institucionais con MS, o partido que goberna en minoría, e a esixencia de dimisión inmediata da alcaldesa, Dolores Castiñeira, por manipular unha fotografía oficial do Concello para eliminar da mesma ao voceiro popular, Santi Davila, e substituílo por un concelleiro do executivo e proceder a colgala posteriormente nas redes sociais oficiais co gallgo do investimento da Xunta para o saneamento de Cerquido.
Ante esta grave situación, os populares levaron a cuestión ao pleno esixindo a depuración inmediata de responsabilidades políticas e achacando as mesmas directamente á rexedora, á que acusaron de desculparse de xeito insuficiente e de tentar de xustificar estes feitos nun erro que se está investigando. “Non sabemos se nos pretende facer parvos, pero todo o mundo en Salceda sabe que foi Dolores Castiñeira quen deu a orde de trucar a foto para invisibilizar a Santi Davila antes de colgala nas redes, porque a ningún concelleiro ou traballador se lle ocorre facer tremenda cacicada sen o permito da alcaldesa”, advertiron desde o PP.
Os populares engadiron, ademais, que a excusa do erro non cola, posto que a fotografía dos membros da corporación diante do Concello foi obxecto dun detallado traballo de Photoshop ou dalgún outro programa de tratamento de imaxes, posto que Santi Davila ocupaba un dos postos centrais da primeira fila e foi eliminado totalmente e, no seu sitio, colocouse, de corpo enteiro e como se ocupase ese lugar, outro concelleiro do goberno local.
“Foi unha decisión tomada adrede, cunha orde que todos sabemos de onde saíu por moito que se negue cun traballo específico, e isto supón un atentado moi grave á democracia e á representatividade dos veciños contra o voceiro do grupo máis votado, de longo, de Salceda, polo que ten que haber responsabilidades”, sinalaron desde o PP, que apelaron aos demais grupos municipais e socios de MS, o PSOE e o BNG, a que actúen en consecuencia “para non ser cómplices dun goberno de mentira que vive da manipulación e da mentira”.
Para o PP de Salceda, esta actuación do goberno de MS demostra que son un “uns ruíns, uns indignos e unhas persoas desautorizadas para falar de respecto xa que só actúan por xenreira, rabia e medo ante o partido político que sempre lles gaña as eleccións e que fiscaliza unha xestión que está a ser a máis nefasta da historia da democracia no noso Concello”.
Por todo iso, os populares cren que a alcaldesa queda “totalmente deslexitimada” e debe renunciar de inmediato ao seu cargo, “posto que é a única responsable desta manipulación feita contra os veciños de Salceda aos que quería enganar burdamente invisibilizando aos seus lexítimos representantes”. Neste senso, desde o PP engadiron que emprenderán todas as accións que sexan necesarias sobre este asunto “pola enorme gravidade dos feitos”.
Alerta