10 enero, 2025
O Partido Popular de Galicia (PPdeG) expresou onte a tarde o seu respaldo ao pobo venezolano na súa procura de liberdade e democracia, ao mesmo tempo que criticou duramente o que cualificou como “silencio cómplice” dos partidos da esquerda galega. O PPdeG acusou ao socialismo de gardar silencio fronte á ditadura de Nicolás Maduro e ao BNG de defender directamente os ideais do réxime bolivariano.
Esta postura foi reafirmada por unha ampla representación do PPdeG que participou nas mobilizacións celebradas en diversas cidades galegas. Os actos tívéron lugar en puntos emblemáticos como o Obelisco da Coruña, a Praza Roxa de Santiago de Compostela, a Praza Maior de Lugo e Ourense, e a Praza Elíptica de Vigo.
En Ourense, destacaron a presenza da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e do secretario executivo do PP no Exterior, Antonio Rodríguez Miranda. Ambos expresaron a súa solidariedade cos milleiros de venezolanos que, segundo indicaron, “encheron as urnas de votos pola liberdade e contra a tiranía”. Paula Prado subliñou que “a democracia e os dereitos humanos son principios irrenunciables, e Galicia debe estar do lado das persoas que loitan por eles”.
Os representantes do PP en Ourense reiteraron o seu compromiso coa defensa dos dereitos fundamentais dos cidadáns venezolanos. “Sempre estivemos ao carón do pobo venezolano para reclamar o fin da represión e o inicio dunha transición cara a unha democracia legítima e soberana”, afirmaron.
Como defensores do Estado de Dereito, os populares insistiron na súa disposición a participar en futuras mobilizacións que reivindiquen a democracia en Venezuela. “Non podemos permanecer impasibles fronte á opresión; a liberdade e a democracia non son negociables”, concluíron.
Con esta acción, o PPdeG quixo visibilizar a súa firme condena á ditadura bolivariana e a súa aposta decidida polos valores democráticos.
Alerta