
29 marzo, 2025
A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia (PPdeG), Paula Prado, acompañada do portavoz no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, reivindicou hoxe a xestión do seu partido na comunidade como «un espello» no que debería mirarse o Goberno de Pedro Sánchez. As súa declaracións tiveron lugar á súa chegada á 27ª Interparlamentaria do Partido Popular en Sevilla.
Prado destacou que Galicia leva 16 anos consecutivos aprobando os seus Orzamentos en tempo e forma, algo que considerou «un exemplo de estabilidade e bo goberno». «Faino sen sobresaltos, sen estridencias e sen liortas», subliñou.
Por outra banda, lamentou que a situación a nivel estatal sexa ben distinta: «Vivimos nun país onde funcionar cos Presupostos Xerais prorrogados é o normal e onde dar privilexios a algunhas comunidades autónomas é a forma de perpetuarse no poder». Tamén acusou ao Goberno central de estar «cercado pola corrupción» e de non contar co apoio dos seus propios socios, pero insistiu en que «son incapaces de botarse a un lado».
A número dous do PPdeG instou a Pedro Sánchez e ao seu equipo a cambiar de rumbo: «É o momento de que deixen de mirar cara ao independentismo e miren cara a comunidades como Galicia». Ademais, reclamou que o Goberno cumpra cos traspasos de competencias comprometidos, coas transferencias de fondos europeos para proxectos estratéxicos e coas melloras en infraestruturas.
Finalmente, Paula Prado asegurou que, se isto non sucede, Sánchez debe «deixar paso a un gran presidente como vai ser Alberto Núñez Feijóo», que, segundo as súa palabras, «si saberá representar a verdadeira política que serve, a mesma coa que Galicia xa goberna».
Alerta