22 enero, 2025
O Partido Popular de Galicia (PPdeG) reclama ao Goberno central un programa detallado de actuacións, investimentos e prazos para garantir que o tramo español da conexión de Alta Velocidade (AVE) entre Vigo e Porto estea operativo no ano 2030, tal e como foi prometido.
A través dunha pregunta rexistrada no Congreso dirixida ao Ministerio de Transportes, os populares amosan o seu pesimismo respecto ao compromiso estatal co proxecto. Segundo o deputado Celso Delgado, vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible, os atrasos acumulados nos trámites necesarios non permiten confiar no cumprimento do prazo anunciado.
Os populares sinalan que a Saída Sur de Vigo, unha infraestrutura clave para a conexión, segue sen avances significativos. O estudo informativo ferroviario debía estar rematado en decembro de 2024, pero, a día de hoxe, segue sen concluírse nin se coñece a súa situación actual.
Delgado advertiu que, mesmo rematado este estudo, o proxecto deberá afrontar novos procesos, como a información pública, a avaliación ambiental e a licitación das obras. Por iso, estiman que, no mellor dos casos, esta parte da infraestrutura non estará rematada ata 2034, catro anos máis tarde do prazo prometido polo Goberno.
O PPdeG tamén puxo o foco na necesidade de completar o tramo entre Porriño e a fronteira portuguesa e de chegar a un acordo con Portugal sobre a construción e financiamento dunha nova ponte internacional sobre o río Miño. Subliñan que, a pesar de que o Goberno anunciara en xuño de 2024 a inminente licitación dos estudos necesarios para a ponte, non se rexistraron avances significativos desde entón.
Ante esta situación, os deputados do PPdeG demandan do Ministerio de Transportes unha previsión clara e detallada. Preguntan cales son os prazos para a finalización do estudo informativo da Saída Sur de Vigo, a licitación do proxecto construtivo e a execución das obras. Ademais, solicitan información sobre o horizonte temporal para o tramo Vigo-O Porriño e sobre as negociacións con Portugal para a nova ponte internacional.
Os populares insisten na urxencia de aclarar como se pretende cumprir o obxectivo de ter lista a conexión de AVE en 2030, nun proxecto que consideran fundamental para a mellora das comunicacións entre Galicia e Portugal e para o desenvolvemento económico e social da rexión.
Alerta