1 diciembre, 2024
O Partido Popular de Galicia (PPdeG) conclúe a súa participación na XXVII Intermunicipal do PP celebrada en Valladolid cunha sensación de fortalecemento e unidade para continuar traballando polos veciños e veciñas dos 313 concellos galegos. Así o afirmou a secretaria xeral do partido, Paula Prado, quen destacou a relevancia das achegas galegas nas políticas sociais, medioambientais e de transformación municipal.
“A nosa participación nesta Intermunicipal permitiunos recoller boas prácticas de compañeiros doutras comunidades e reforzar o noso compromiso coa xestión eficaz en Galicia”, asegurou Prado antes da clausura do evento.
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, foi arroupado pola delegación galega, composta por máis dun cento de representantes. Prado destacou o papel de Feijóo como un líder que “defende Galicia alí onde estea” e subliñou a urxencia de acometer un cambio político en España. “Debemos saír desta lameira de corrupción na que nos meteu o Goberno de Sánchez e camiñar cara a un futuro liderado por Núñez Feijóo”, apuntou.
A secretaria xeral do PPdeG tamén puxo en valor o traballo do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen, segundo afirmou, prioriza os intereses dos galegos e galegas por enriba de calquera interese partidista.
En contraposición, Prado sinalou a “presenza residual” do PSdeG na executiva nacional do PSOE, cualificándoa de “testemuñal” e comparándoa co peso político dunha cidade autónoma. Ademais, criticou a recente Asemblea do BNG, onde, ao seu entender, se evidenciou unha “ruptura e desunión interna”.
“O BNG segue afondando en posturas extremas, apostando pola independencia, o monolingüismo e a imposición ideolóxica, afastándose das prioridades reais de Galicia”, engadiu Prado, enfatizando o contraste coa “unidade e fortaleza” do PPdeG.
Alerta