19 noviembre, 2021
O programa municipal A Vida é Movernos, impulsado polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, converterá mañá pola tarde a Praza de España nun auténtico ximnasio ao aire libre, con 16 bicicletas estáticas grazas á iniciativa Ximnasia na Rúa, organizada en colaboración coas firmas Exalta Centro Deportivo e Nordés Sports SL.
Entre as actividades que se impartirán ao longo de tres horas, entre as 18:00 e as 21:00 horas, nalgunhas das cales tamén ten previsto tomar parte o propio edil socialista, inclúense: bodyjump, unha actividade dirixida con soporte musical que se imparte sobre un mini trampolín, de alta intensidade, sen apenas impacto e cun gasto enerxético moi alto; gluteboom, un novo xeito de traballar para fortalecer glúteos, abdominais e pernas dunha maneira moi dinámica, que aumenta o gasto calórico considerablemente; fitball percussion, que fusiona á perfección a música, o exercicio físico e a percusión e que ten unha coreografía moi marcada que a converte nunha divertida actividade que mellora a coordinación, e spinning, coa instalación de bicicletas estáticas para acadar melloras a nivel cardiovascular ao ritmo da música mediante traballo interválico.
Os obxectivos desta iniciativa de A Vida é Movernos son os de combater o sedentarismo e facer chegar á poboación unha pequena mostra das actividades dirixidas que poderán atopar en calquera centro deportivo da cidade, axudando así a democratizar a práctica do exercicio físico entre a cidadanía sen limitacións no que a franxas de idade se refire.
Ademais das bicicletas de ciclo indoor, o espectacular ximnasio ao aire libre da Praza de España tamén contará con trampolíns, gomas, fitballs, bases de steps, baquetas, escenario, sistema de son e iluminación e un equipo humano conformado por oito persoas.
Para a súa organización contouse coas firmas Exalta Centro Deportivo, un espazo dedicado ao adestramento e a saúde con profesionais con ampla experiencia en ámbolos ámbitos desde hai máis de 20 anos, directamente ligados ao deporte de competición e en constante formación e adaptación ás novas tendencias sobre o adestramento e as problemáticas que o ritmo de vida actual provoca sobre a saúde; e Nordés Sports, unha empresa creada e dirixida polo ex ciclista Jesús González, especializada na organización de cursos de formación e eventos deportivos que complementa a súa oferta cun eficiente servizo de adestradores persoais e venta de produtos fitness ,(que colaborou na coordinación e promoción de diferentes campus de ciclismo e participou na Aula Ciclista by La Vuelta Ciclista a España, con charlas e pequenas xincanas en colexios designados para achegar o mundo do ciclismo aos máis pequenos).
Todas aquelas persoas interesadas en participar poden inscribirse a través do teléfono 986 187 339.
Alerta