Mañá ás 19.00 h o Terreiro de Angoares acollerá a actuación da A.F. Algazara, e o domingo ás 13.30 h. no Terreiro do Centro Cultural de Nogueira, será a quenda do Grupo Folclórico do C.C. de Xinzo
Estas actuacións forman parte do Cultura24, un programa co que a Concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba, procura levar a actividade cultural e de lecer ás 24 parroquias do municipio, dinamizando os centros culturais e o propio tecido creativo da vila. A entrada a todas estas actuación é de balde ata completar aforo.
A Agrupación Folklórica Algazara é un grupo xa histórico en Ponteareas. Xurdiu a finais do ano 1997, cando un grupo de amigos uniuse para formar unha asociación que recuperara e difundise o folclore tradicional de Galicia e, en concreto, da zona de O Condado.
Nos seus 24 anos de historia participaron en numerosos festivais por toda a Península Ibérica. Ademais do Festival Internacional Algazara Danzando entre Culturas tamén organizan o Festival Algazara, que cada outono achega a Ponteareas grupos de folclore nacional.
O grupo folclórico do Centro Cultural de Xinzo é outra agrupación histórica da vila. Levan anos traballando dende a súa parroquia para pór en valor a música tradicional, o baile, e para dinamizar a cultura dende a solidariedade. Son habituais nos programas de actuación do Concello, xa que están convencidos de que a música non pode deixar de soar.