29 agosto, 2021
Os días 1 e 2 de setembro a iniciativa da Deputación para a formación e asesoramento tecnolóxico, oferta cursos sobre email márketing e márketing dixital
A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana dúas accións formativas, impartidas de xeito online da carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre o emprego do email márketing, e a súa correspondente medición de impactos, e sobre a elaboración dun plan de márketing dixital paso a paso.
Este mércores, día 1, impartirase o obradoiro “Desenvolve a túa propia estratexia de email márketing”, no que a posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas, Fátima Faílde explicará como dar a coñecer mensaxes, produtos ou servizos con esta ferramenta. Falará tamén das súas vantaxes e ensinará a mellorar o seu deseño, e medir os resultados e impacto das súas campañas.
Pola súa banda, o xoves, día 2, o licenciado en Comunicación Audiovisual Adrián Fernández impartirá “O teu plan de márketing dixital paso a paso”, obradoiro no que se centrará na necesidade de dispor dun plan de márketing dixital previo á execución de calquera acción de márketing, para despois afondar na súa utilidade e na súa creación paso a paso cun exemplo real.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPeme na url de cada evento. Tamén é posible facelo enviando un correo ao enderezo info.smartpeme@depo.es ou no teléfono 886 202020.
Alerta