5 octubre, 2024
A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentaron a iniciativa en Vigo
As inscricións poden facerse ata o día 10 deste mes de outubro a través da sede electrónica da Administración Autonómica
A iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega importantes novidades como son máis oportunidades de darse a coñecer e novas categorías
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentaron o programa Xuventude Crea, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que ten aberto o seu período de inscricións ata o día 10 deste mes a través da sede electrónica da Administración Autonómica.
Ortiz destacou que se trata dunha nova oportunidade para que os mozos e mozas de entre 16 e 30 anos poidan mostrar o seu talento artístico. “A Xunta aposta por darlle aos participantes na iniciativa unha maior visibilidade, promoción e oportunidades no sector, incidindo na mellora da proxección do talento da mocidade e mantendo a finalidade de estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación”, destacou a representante autonómica.
Pola súa banda, Lara Meneses lembrou que, como novidade, este ano “a iniciativa está aberta ás persoas galegas residentes no exterior, que poderán viaxar a Galicia en caso de que cheguen á fase final grazas á Estratexia Galicia Retorna”.
O Xuventude Crea 2024 contará con 16 categorías, dúas máis que o ano pasado. Así incorpórase a modalidade de DJ e creación de contido, atendendo aos intereses actuais da xente moza. Ademais, dentro da especialidade de teatro créanse dúas seccións con cadanseus recoñecementos.
O apartado Amador está aberto a grupos de teatro xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos amadores ou escolas municipais, entre outros. Por outra banda, o apartado Pro está destinado a compañías de nova creación, profesionais emerxentes e grupos formados por alumnado ou egresados da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. Cómpre sinalar que neste último, ademais do premio económico, o Centro Dramático Galego poderá apoiar ás persoas ou compañías gañadoras impulsando o lanzamento do seu proxecto artístico.
O certame complétase coas disciplinas de artes plásticas, fotografía, moda, deseño de xoias, arte urbana, música, cociña, videocreación, banda deseñada, novela curta, creación de videoxogos, poesía e danza.
Para dar a coñecer os traballos e os premiados organizaranse varias exposicións e eventos finais. Uns recoñecementos que se outorgarán oficialmente nunha gala prevista para mediados de decembro. Este ano, por cada categoría, ademais das vantaxes de promoción, os premios económicos serán de 2.000€ para o primeiro, 1.500 para o segundo e 1.000 para o terceiro.
Alerta