3 noviembre, 2021
Os cambios propostos implican un incremento do 23% no investimento, para chegar a preto de 100.000 euros.
O Concello lamenta a situación da entidade deportiva e a decisión da súa xunta directiva, que confía que reconsidere tendo en conta a súa gran labor nestes anos.
Lembra que as obras comezaron efectivamente en xuño, cando Portos aprobou un primeiro cambio.
Esas variacións e as melloras solicitadas por club e veciños, xunto co proceso administrativo, explican o atraso nas obras, en todo caso alleo á vontade do goberno local.
O proxecto de reforma do centro sociocultural e deportivo de Vilaxoán, no que conviven o Club de Remo e a Asociación de Veciños, foi modificado en dúas ocasións. A primeira, para adaptalo aos usos deportivos previstos na concesión administrativa de Portos de Galicia, titular dos terreos, ao Concello, titular do edificio. A segunda, a petición do propio club e da asociación veciñal. Eses cambios supuxeron unha ampliación presuposto do 23,4%. O modificado será aprobado na vindeira sesión da xunta de goberno local. O prazo para concluír as obras estímase en algo menos de tres meses, (as obras se adxudican por 5), En total, o investimento pasará de 78.344 a 96.679 euros. En ningún momento o concello, o primeiro interesado en que conclúa este proxecto, dixo que se foran a investir só 45.000, simplemente polo feito de que os pregos de contratación son públicos.
Dende o goberno local laméntase a situación da entidade deportiva e a decisión da súa xunta directiva, que confía que reconsidere, tendo en conta a gran labor desenvolvida nos últimos anos e tantas veces así recoñecido polo goberno local e a propia Fundación de Deportes. Con todo, dende o concello lémbrase a administración ten os seus procesos e os seus tempos, que non todo o mundo ten por que coñecer nin comprender. Pero o certo é que hai un procedemento legal a respectar e que as modificacións dos proxectos é algo absolutamente habitual.
As obras se sacaron a licitación en xullo de 2020, sendo adxudicadas, despois do correspondente proceso administrativo, a mediados de novembro dese mesmo ano. A acta de replanteo, que marca o inicio real das obras, foi asinada o 22 de decembro. Sen embargo, apenas 15 días despois, en concreto o 10 de xaneiro, foron paralizadas a instancias de Portos de Galicia, que entendía que había que solicitar permiso por tratarse dunha concesión administrativa da súa responsabilidade. Entre outras cousas, o ente da Xunta esixía que se aclarase que o uso principal do edificio era o náutico-deportivo. Así se fixo, modificando o proxecto sen cambios no presuposto económico.
Incio efectivo en xuño 2021
As obras comezaron de xeito efectivo en xuño de 2021, é dicir, hai seis meses. Ao facelo, se detectaron algunhas cuestións que non estaban previstas, por exemplo unha máis correcta distribución do alumado, como se puido comprobar ao ser demolido o falso teito. Tamén se introduciron algunhas variacións na estrutura, pero, sobre todo, as melloras solicitadas polos propios usuarios das instalacións, é dicir, o club de remo e a asociación veciñal.
Por parte dos veciños se reclamou, despois de iniciadas as obras, un almacén para o bar, un local auxiliar que, en principio, estaba previsto emprazar nunha pequena superficie do espazo dedicado a gardar as embarcacións, ao cal se opuxo o club. Finalmente, a entidade veciñal accedeu a prescindir dun dos seus despachos previstos inicialmente para habilitar o almacén do bar.
Outro despacho para o club
En canto ao club de remo, tamén posteriormente ao inicio das obras, solicitou o acondicionamento dun local como despacho na planta superior, unha superficie que, ata agora, albergaba os termos de auga que dan servizo aos vestiarios. Asumir o solicitado polo club implicou desprazar todo o sistema de produción de auga quente e iso comprende modificar a instalación de fontanería e de electricidade, un novo emprazamento dos termos e as obras de albanelería correspondentes a traslados e acabados interiores. A máis, o club tamén pediu, e así se admitiu, instalar un canlón no solo da planta baixa para recollida das augas das embarcacións molladas, e iso significou tamén deseñar e presupostar unha gabia e todas as instalacións pertinentes para conectar este desaugue ás redes existentes.
O concello lamenta sinceramente os trastornos que todo este proceso leva causado ao club de remo, pero tamén aos propios veciños, que non poden facer máis que un uso precario das súas instalacións, e espera que agora, superados todos os atrancos administrativos e técnicos, para atender primeiro a Portos e logo ao club e á asociación, poidan retomarse as obras de inmediato para rematalas en poucas semanas. Tanto un como outra tiveron nos últimos anos probas de abondo do compromiso do goberno local coas súas necesidades, que en boa parte son tamén de todo Vilaxoán, e nesta ocasión non vai ser menos.
Alerta