22 noviembre, 2021
A Concellería de Deportes, que dirixe o socialista Tino Fernández, iniciará o vindeiro 29 de novembro as obras de renovación do céspede artificial do campo de fútbol 11 número 2 do Complexo Municipal Manolo Barreiro, un proxecto que o seu departamento adxudicou por unha partida económica de 285.773,04 euros. O edil do PSOE agarda que “se a meteoroloxía e os subministros o permiten, as actuacións, (adxudicadas á firma Limonta Sport Ibérica SLU), poderían estar rematadas en menos de dous meses, cara febreiro ou marzo”.
Tal e como sinala Tino Fernández, “o campo de fútbol Xunqueira II de fútbol 11 de herba sintética foi inaugurado en setembro de 2008 e, debido ao tempo transcorrido, próximo aos doce anos, e ao seu intenso uso, ten esgotada a súa vida útil, presentando na actualidade unhas condicións que fan necesaria a súa substitución por outro de última xeración para poder obter unhas boas prestacións deportivas, con garantías de calidade e fundamentalmente de seguridade para os deportistas”. “A actuación a levar a cabo -subliña o edil do PSOE- xustifícase tanto polo estado da superficie de xogo actual sobre a que se pretende actuar como pola economía da súa implantación e a mellora tecnolóxica do sistema a aplicar. O campo ten unha frecuencia de uso alta, por enriba das 60 horas semanais, e emprégase tanto a nivel amateur, en categoría Sénior, como a nivel nacional en categorías base. Precísase un pavimento deportivo que supere os parámetros de durabilidade mais esixentes e que teña ademais unha resposta deportiva das máis altas prestacións: cumprimento da norma UNE-EN 15330-1:2014 e homologación, tanto do sistema a instalar, (marca Fifa Recomended), como da obra executada con nivel Fifa Quality”.
O campo de fútbol ten unhas dimensións entre as liñas brancas que delimitan o terreo de 100 x 62 metros, sendo a superficie total do céspede de 105 x 65 metros, (incluíndo as marxes das bandas e dos fondos). O seu eixo lonxitudinal está sensiblemente orientado norte-sur. A superficie de xogo está constituída na actualidade por unha soleira de aglomerado, sobre a que vai directamente unha alfombra de céspede artificial fibrilado de polietileno de 60 mm, recheo de area e caucho, que ten esgotada a súa vida útil: a fibra do céspede presenta un forte desgaste e o terreo de xogo actual non cumpre cós requirimentos esperables para estas superficies, (elasticidade, fricción, absorción de impactos, bote do balón, rodamento do balón, resistencia ó movemento, etc).
A escorrentía das augas prodúcese cara as bandas e das medicións topográficas obtidas despréndese que a pendente actual do terreo de xogo é dun 1% cara a ditas bandas laterais. Existe certo encharcamento de auga cando se producen choivas intensas, sobre todo preto das bandas.
Alerta