1 noviembre, 2021
As concellerías de Deportes e de Desenvolvemento Sostible investirán máis de 130.000 euros neste conxunto de actuacións.
O proxecto impulsado polas concellerías de Deportes e de Desenvolvemento Sostible para dotar a rede de campos de petanca do municipio de nove novas pistas, dará este martes un paso de xigante coa aprobación do seu expediente de contratación en Xunta de Goberno Local. Este conxunto de intervencións permitirá incrementar de xeito exponencial a oferta deste tipo de instalacións, cada vez máis demandadas entre finais de ano e comezos de 2022, ao pasar estas das 17 actuais a 26.
As novas pistas estarán emprazadas no contorno da igrexa de Monte Porreiro (2), en Pontevedra Leste, (na rúa dos Soutos, barrio da Parda), Mourente ,(Cons), Ponte Sampai,o (A Ballota), Verducido (inmediacións da igrexa), Estribela, (do lado do parque infantil de Marqués de Valterra), e Marcón, (na zona do campo da festa). Unha vez obteñan luz verde da Xunta de Goberno, as obras para a creación destas áreas de xogo deseñadas polo Servizo de Parques e Xardíns, que suporán un investimento global de máis de 130.000 euros, (coa incorporación de diversas melloras), poderán sacarse xa a licitación, dispoñendo dun prazo de dous meses para completar o procedemento de adxudicación, co obxectivo de poñerse en marcha cara finais de ano.
O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, agarda que “tendo en conta que o deporte da petanca non para de crecer, este sistema de campos de petanca que estamos a desenvolver nos barrios e parroquias do rural, se traduza na conformación de novos equipos e nunhas infraestruturas acordes coa demanda existente en Pontevedra”, así como nunha optimización dos parques e zonas verdes “coa dotación de mobiliario, iluminación, céspede e novas plantacións”. Trátase, como sinala o edil socialista, de xerar “espazos de socialización comunitaria, encontro veciñal e práctica de actividades deportivas e de lecer, con alto valor paisaxístico e confort”.
O proxecto contempla a subministración de xogos tradicionais de chave e o acondicionamento dos parques con terrizo de 10 centímetros de espesor, realizado con xabre granítico, (cribado sobre a explanada afirmada previamente, estendida e rasanteada con motoniveladora). Asemade, incorporarase unha capa separadora anticontaminante de xeotéxtil de 200 g/m2, e tamén se proxecta a creación de sendas no perímetro das pistas, coa finalidade de mellorar a comunicación co contorno e de facilitar a accesibilidade a estes espazos mediante camiños de acceso adaptados, (en particular a conexión cara lugares de referencia socio comunitaria dos barrios e parroquias). Os bordos exteriores dos camiños que contornan as pistas de petanca, serán franxas de céspede ata os límites das parcelas.
Alerta