13 diciembre, 2021
A iniciativa de Promoción Económica arrinca este mes con reunións dun grupo de expertos que establecerán bases e criterios de selección dos proxectos que serán mentorizados.
O Gastro Lab conta coa implicación da investigadora e divulgadora Eva Ballarín, experta do Basque Culinary Center e unha das mulleres máis influíntes da gastronomía española.
A creación da marca Pontevedra Capital Gastro ten o obxectivo esencial de converter á nosa cidade nun referente gastronómico nacional e internacional. Para facelo posible, á marxe da celebración de exitosos eventos como a Festa das Cunchas, a Batalla das Cunchas, Mestizaxes ou o Desafío Filloa, a iniciativa impulsada pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, en colaboración coa firma Carta Blanca pon agora en marcha unha incubadora e aceleradora de proxectos gastronómicos: o Capital Gastro Lab, un programa que establecerá criterios profesionais á hora de emprender ou innovar en empresas xa existentes, facendo chegar aos empresarios dos sectores da restauración e a alimentación as claves para levar a cabo iniciativas exitosas, que dinamicen e fagan crecer a economía da cidade e xeren postos de traballo estables.
Este novo ‘chanzo’ na configuración da marca Pontevedra Capital Gastro, que supón a súa vertente máis profesional tanto polo seu público obxectivo como pola súa propia execución, desenvolverase ao longo de 2022 en catro fases diferenciadas máis unha final, das cales a primeira dará comezo de forma inmediata. Dita fase inicial prolongarase ata o 28 de febreiro e consistirá na constitución dun grupo de expertos que acompañará o inicio de todo o proceso deste programa e que estará composto por persoas pertencentes a entidades colaboradoras do proxecto: CIFP Carlos Oroza, Universidade de Vigo, Asociación de Jóvenes Empresarios (Aje), Asociación de Autónomos (Ape), Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe), Colexio de Psicólogos, Clúster de Turismo, Colexio de Xestores e Concello de Pontevedra, así como outras institucións públicas e algunha entidade financeira.
Segundo explicou esta mañá Yoya Blanco durante o acto de presentación do Gastro Lab, que tivo lugar na Sala de Prensa do Teatro Principal, “nesta fase daráselle publicidade ás bases de presentación e aos criterios de selección dos proxectos, (publicaranse o día 2 de xaneiro), entre eles a sostibilidade, a innovación, a igualdade, a dixitalización, a viabilidade ou o feito de que deberán ser realizados na ou desde a cidade de Pontevedra”. A edil socialista estivo acompañada na súa comparecencia pola portavoz de Carta Blanca, Elena Vitoria, e pola “madriña de honra” desta incubadora de proxectos gastronómicos, a investigadora e divulgadora independente de tendencias, innovación e estratexia en turismo, hostalería e restauración Eva Ballarín, “experta do Basque Culinary Center que conta con máis de 160 conferencias online e offline ás súas costas e que é considerada unha das 150 máis influíntes do mundo do turismo, (Sergestur 2020 e 2021), e unha das mulleres con maior influenza da gastronomía española”.
Alerta