Xuntanza. Fonte: PSdeG-PSOE
28 septiembre, 2021
O Secretario Xeral Provincial, David Regades, celebra unha xuntanza con representantes das agrupacións locais de Ponteareas, Covelo, Crecente, Salvaterra, Arbo, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves e A Cañiza.
As próximas Eleccións Municipais de 2023, son unha oportunidade para que máis concellos das comarcas do Condado e da Paradanta se sumen ao cambio que xa percibe a veciñanza de A Cañiza, un dos 23 municipios da provincia de Pontevedra que contan con Alcalde ou Alcaldesa socialista.
David Regades, citou a representantes das agrupacións locais a un encontro, celebrado na sede local de Ponteareas, que serviu para repasar a situación destes concellos do sur da Provincia e debuxar as estratexias de cara á precampaña e á campaña da próxima cita coas urnas.
Regades insistiu en que o PSdeG-PSOE está a vivir un momento de avance da man dun Goberno de España que impulsa unha axenda progresista para mellorar a vida da xente, e liderar unha recuperación económica xusta. “Un goberno que soluciona problemas reais e pon as bases dunha economía máis sólida, fronte á confrontación constante do bloque da dereita”, afirmou. Nesta liña citou o recente convenio para a nova depuradora da Moscardeira e renovación do saneamento de Ponteareas, “unha obra que o Goberno de España tivo que liderar diante do histórico pasotismo da Xunta de Galicia”.
O socialismo, continuou Regades, ten no mundo local a súa principal fortaleza, como demostra o feito de que as Alcaldías socialistas gobernen nestes intres a 600.000 das 900.000 persoas que residen na nosa provincia. “Somos a provincia máis socialista e demostrámolo votación tras votación, especialmente nas Municipais”, recalcou o máximo responsable da Executiva Provincial.
David Regades recalcou que o Partido Socialista “sempre sae a por todas” e, así como en 2019 conquistou novas Alcaldías e consolidou con maiorías absolutas varias das que xa viña gobernando en coalición, aspira a seguir crecendo en 2023. “As comarcas do Condado e da Paradanta son dous territorios nos que temos marxe para avanzar porque hai rostros que son referencias sociais claras e hai proxecto”. Regades subliñou que o traballo que está a facer o Alcalde da Cañiza, Luis Piña, é un aval do cambio que se produce cando un ou unha socialista chega á Alcaldía. Un traballo que se suma ao que desenvolve a Deputación presidida por Carmela Silva, “que supuxo a democratización profunda dunha institución que o PP mantiña ancorada no caciquismo provinciano”. “Agora hai Goberno provincial que é o principal soporte para os municipios e que chega, coa súa acción transformadora, ata o último recuncho da provincia, tamén no Condado-Paradanta, ata o punto de que nin os Alcaldes e Alcaldesas do PP destas comarcas queren volver aos tempos de antes”.
A xuntanza serviu tamén para analizar o clima de consenso e acordo que presidiu a elaboración da lista dos/as 16 delegados/as, que asistirán ao próximo Congreso federal do PSOE en Valencia a mediados do próximo mes de outubro e na que o Condado-Paradanta está ben representada coa incorporación do Alcalde Cañizense, Luis Piña, e ao Tenente de Alcalde de Mondariz, José Luis Fernández.
WhatsApp us