O reitor da UNED destaca a “exquisita sensibilidade” da Deputación coa Universidade

Compartir

O papel da Deputación como impulsora da UNED na provincia de Pontevedra quedou hoxe de manifesto durante a visita que o reitor, Ricardo Mairal, realizou ao Pazo Provincial. No libro de honra deixou escrito “Un verdadero honor visitar la Diputación y un verdadero privilegio trabajar conjuntamente en torno a un proyecto universitario común”. Mairal, que acudiu acompañado do director do Centro Territorial, Víctor González, anunciou a próxima posta en marcha de “proxectos de cara á máxima apertura da Universidade Nacional de Educación á Distancia á sociedade”.

A UNED, que xa está preparando os actos do seu 50º aniversario a partir do ano próximo, incluirá moi especialmente a Pontevedra na celebración da efeméride, pois este centro abriu as súas portas en febreiro de 1973 e foi un dos primeiros de España. O reitor, coa vista posta xa nestas celebracións, quixo volver visitar tanto Pontevedra, onde xa estivera na apertura dun curso, como a aula de Vigo e estreitar así as relacións coas institucións que forman parte da Xunta Reitora do Consorcio.

Tras destacar a “exquisita sensibilidade da Deputación”, Mairal subliñou que a UNED está comprometida cun proceso de modernización que pasa por unha maior oferta de servizos para contribuír a “unha sociedade máis xusta, máis solidaria, máis respectuosa e, sobre todo, máis cultivada e máis ilustrada”. A este respecto engadiu que vivimos momentos moi complicados por mor da pandemia, “pero tamén tempos apaixonantes, porque nos ofrecen a posibilidade de debuxar novos escenarios de cara a unha sociedade mellor”. O reitor lembrou que o 60% da investigación en España nace das universidades e remarcou a plataforma que supoñen os centros territoriais para compartir coñecemento e involucrarse en cuestións como as políticas de empregabilidade e divulgación científica.

O deputado Carlos Font recalcou o “enorme significado” que a UNED ten para a provincia e destacou que ao longo destes últimos 50 anos, o Centro Territorial de Pontevedra e posteriormente as distintas aulas da provincia supuxeron “unha gran oportunidade para moitas persoas”. “A UNED de Pontevedra é o mellor exemplo do que debe ser a colaboración institucional”, remarcou e aplaudiu os cambios que se notan dende a chegada á Dirección de Víctor González, así a conversión de Pontevedra na cabeceira do campus Noroeste, que engloba a un total de 14 centros en varias comunidades autónomas.

Font agradeceu a visita de Ricardo Mairal “porque non tódolos días recibimos ao reitor dunha Universidade con ámbito en toda España” e concluíu que desexar éxitos á UNED nos seus proxectos” é tanto como desexar éxito a toda a sociedade”.