
29 octubre, 2025
O xerente do Sergas, José Ramón Parada, apunta que se traballa en tres piares fundamentais para abordar os ictus: a detección precoz e a actuación coordinada, a mellora continua dos procesos asistenciais e a humanización da atención
A sanidade pública galega conta con importantes ferramentas para a abordaxe desta emerxencia médica, como é o caso do proceso asistencial ‘Código Ictus’
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, inaugurou esta tarde a xornada Prevención do Ictus, un encontro no que remarcou o compromiso da Xunta coa prevención e a atención das enfermidades cerebrovasculares e no que destacou a importancia da promoción dos hábitos de vida saudables para evitar a súa aparición.
Con motivo do Día Mundial do Ictus, a Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (AGEFEC ) e a Federación Dano Cerebral Galicia, organizaron un acto no que profesionais sanitarios e asociacións de pacientes compartiron experiencias e coñecemento sobre unha enfermidade que representa unha das principais causas de mortalidade e de discapacidade na comunidade.
Durante o acto, Parada puxo en valor o importante labor diario que realiza o tecido asociativo e os familiares que coidan das persoas que sufriron un ictus. Tamén lembrou algunhas das ferramentas coas que conta a sanidade pública galega para dar resposta as súas necesidades.
Neste sentido, destacou a relevancia de ‘Código Ictus’, un proceso asistencial orientado á identificación e ao manexo do paciente con ictus agudo no menor tempo posible e que posibilita a coordinación inmediata das estruturas administrativas e asistenciais para minimizar os tempos de atención ao paciente.
Segundo explicou o xerente do Sergas, o sistema sanitario galego traballa en tres piares fundamentais na abordaxe do ictus “a detección precoz e a actuación coordinada, a mellora continua dos procesos asistenciais e a humanización da atención”.
Parada recoñeceu o papel protagonista da Federación Dano Cerebral Galicia e de AGEFEC, dúas asociacións que hoxe presentaron materiais informativos destinados a desmontar mitos e promover os hábitos saudables, e outro, centrado na atención á cronicidade.
“O noso obxectivo é que cada persoa, viva onde viva, teña as mesmas oportunidades de prevención, diagnóstico e recuperación”, concluíu Parada, quen apostou por que a Xunta, as entidades sociais e as familias sigan a traballar conxuntamente para mellorar a calidade de vida destes pacientes.
Alerta