15 noviembre, 2021
O boletín oficial da UE publica hoxe o anuncio da convocatoria que marca ata o 10 de xaneiro o prazo para que as empresas interesadas poidan presentar ofertas.
O prezo de licitación achégase aos 5 millóns de euros anuais e o prazo do contrato será de 8 anos non prorrogables.
O novo contrato adecúa a prestación ao crecemento de Vilagarcía e aos requirimentos medio ambientais e de sustentabilidade marcados pola UE.
Prevé a renovación do parque de vehículos e maquinaria, a substitución dos contedores, a ampliación de servizos existentes e a creación doutros novos.
O DOUE, o Diario Oficial da Unión Europea, publica hoxe o anuncio da licitación do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo do Concello de Vilagarcía, un trámite de obrigado cumprimento debido ao importe do contrato e que facilita que empresas de toda a Unión poidan concorrer á convocatoria. O contrato, que terá unha duración máxima de 8 anos sen dereito a prórrogas, licítase por 4.983.217 euros anuais, IVE incluído. Dado que se trata dun procedemento a nivel europeo, os prazos de tramitación son máis amplos que os habituais, polo que as empresas disporán de prazo ata o 10 de xaneiro para presentar as súas ofertas.
A convocatoria, que tamén está xa pendurada na plataforma de contratación do Concello, refírese en concreto á “Contenerización, recollida e transporte de residuos, xestión do Punto limpo e limpeza viaria”, denominación na que se inclúen tamén servizos como o de recollida de papel, desbrozo e limpeza de praias.
Os pregos aprobados no último Pleno da Corporación Municipal tras un complexo e prolongado traballo de campo que se prolongou durante anos recollen todos os requisitos e condicións que deberá cumprir a futura concesionaria e fixa ao detalle as prestacións a realizar para dar unha resposta eficaz ás demandas creadas polo crecemento de Vilagarcía, á vez que para cumprir con todos os requisitos medio ambientais e de sustentabilidade que marcan as directrices europeas para a xestión de residuos e que serán de obrigado cumprimento. E todo, baseado nos estudos de necesidades realizados previamente. Por iso, coa nova xestión mellorarase a calidade do actual servizo, elevaranse os índices de reciclado e recuperación de residuos, e lograrase unha limpeza viaria máis eficaz e de maior calidade, aspectos todos moi demandados polos veciños de Vilagarcía e aos que se pretende atender debidamente con este prego.
O novo contrato prevé a renovación da maquinaria de limpeza e recollida de lixo, así como o sistema de contedores, a creación de novos servizos como os de recollida da fracción orgánica e os puntos limpos móbiles, así como a ampliación das zonas e frecuencias de limpeza entre outras.
Recollida de todo tipo de residuos urbanos e políticas de redución
O novo servizo orientarase á recollida e traslado de todo tipo de residuos sólidos urbanos que se xeren na cidade (orgánicos, papel, envases lixeiros…), promocionando a separación en orixe para continuar mellorando os niveis de redución, reutilización e reciclado dos residuos. Neste punto cómpre destacar que se crea un novo servizo, en fase piloto inicialmente, para a recollida da fracción orgánica doméstica e biorresiduo forestal.
Entre as varias melloras que se introducen atópase a renovación de todo o parque móbil necesario para as labores de recollida e transporte do lixo, incluíndo vehículos específicos para cada tipo de residuo. Tamén se cambiarán todos os contedores do municipio, optando nos centros urbanos polos de carga lateral (que conlevan un proceso máis mecanizado e axiliza o traballo, e permiten unha maior capacidade de almacenamento), mentres que no rural serán de carga traseira. A renovación dos modelos tamén implicará a reubicación en moitos lugares, a efectos de facilitar os procesos de baleirado por parte dos camións.
Na xestión do Punto Limpo de Pinar do Rei inclúense novidades como o traslado do refugallo ás plantas de tratamento autorizadas e a recollida de residuos complementarios en mercados e eventos, ademais de tres novas prestacións que se suman á xa existente de recollida de voluminosos: o Punto Limpo Móbil, a recollida de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE´s), e a recollida porta a porta de residuos de cartón comercial.
Máis zonas a limpar e atención ao mobiliario urbano
O apartado relativo á limpeza viaria tamén sae moi reforzado co novo contrato ao ampliar o número de zonas públicas e de titularidade municipal nas que actuar (incluídas as praias) e ao incluír como novidades a limpeza de pintadas e graffitis, a de marquesiñas e a retirada de pancartas e carteis colocados fora dos expositores ou espazos autorizados. Os pregos recollen tamén o relativo ao baleirado e limpeza de papeleiras, o seu subministro, reparación e reposición.
No apartado de limpeza viaria e de cunetas tamén se prevé a renovación de todos os vehículos e maquinaria destinada a estas labores, así como o incremento das frecuencias de limpeza.
Alerta