O SonRías Baixas 2021 continúa a súa andaina este xoves cos directos de Iseo & Dodosound e Travis Birds

Compartir
Travis Birds

Travis Birds e Iseo & Dodosound actuarán na terceira xornada de concertos do SonRías Baixas, unha das citas musicais imprescindibles do verán en Galicia que, ata o 8 de agosto, continúa a súa andaida para encher de enerxía, diversión e contundencia o Recinto Multiusos da Estacada de Bueu, no Morrazo.

Travis Birds | Xoves 5 de agosto, 21.00h

Unha das artistas máis prometedoras do panorama musical estatal chega por vez primeira ao SonRías Baixas. Travis Birds irrumpiu nas nosas vidas co single Coyotes, que se converteu na cabeceira da serie El embarcadero, e cunha celebrada versión do 19 días y 500 noches, de Sabina. Logo dun interesante Año X, este 2021 presenta o seu segundo álbum, La costa de los mosquitos.

Iseo & Dodosound | Xoves 5 de agosto, 22.30h

O dúo navarro volve ao SonRías Baixas coincidindo coa súa volta ao estudio para lanzar o seu terceiro álbum. Logo dun longo parón, inician unha xira exclusiva, Inédito Tour. Nesta parada en Bueu, e acompañados polos seus inseparables The MouseHunters ao completo, ISEO & Dodosound revisarán algúns dos seus éxitos e darán a coñecer cortes inéditos do novo disco.

O cartel

Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, Iseo & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa conforman o cartel deste SonRías Baixas 2021, no que o festival se adapta ao contexto sociosanitario e se transforma nun ciclo de concertos, con dous directos por xornada ateigados do espírito SonRías.

 

Entradas

Aínda quedan entradas dispoñibles para gozar desta terceira tarde-noite de concertos do SonRías Baixas. Pola contra, as entradas para os directos de La M.O.D.A e Sabela (venres 6) e de Kase.O e SonDaRúa (sábado 7) xa están esgotadas desde hai días. Con todo, as e os entusiastas da música ao vivo terán o domingo 8 unha bóla extra, coas últimas entradas aínda dispoñibles para ser testigos dos novos espectáculos de dous vellos coñecidos do festival, Muerdo e La Pegatina. Precisamente, esta última é unha das bandas máis queridas polo público do SonRías, ademais dun dos grandes reclamos desta edición.

Protocolo covid-19

O ciclo, que cumpre en todo momento a normativa sociosanitaria vixente en Galicia, conta cun protocolo covid-19 propio coordinado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), o  que garante a seguridade do público durante a súa celebración. O Recinto Multiusos da Estacada está dividido en sectores, con equipamentos independentes en cada zona, e con circuítos de percorridos sinalizados para facilitar o tránsito e garantir as distancias de seguridade. O recinto conta con tres zonas diferenciadas, en función do prezo e da distancia co Escenario Xacobeo 21-22; e cada unha delas está dividida, a súa vez, en sectores que contan con servizos independentes (aseos, barra, zona de recarga da pulseira cashless e punto de merchandising). Estes espazos teñen unha capacidade máxima de 500 persoas.

Os accesos ao recinto están regulados e debidamente indicados. As persoas con entrada xa recibiron nos seus correos electrónicos as indicacións pertinentes sobre como acceder as súas localidades, horarios recomendados e outros consellos, información que tamén se pode consultar no sitio web www.sonriasbaixas.info. Todo o recinto conta con sinalización específica e o persoal da organización é o responsable de indicar ao público o camiño ata os seus respectivos sectores; momento no que lle ofrecen a posibilidade de obter, gratuitamente, as pulseiras cashless, o único sistema de pago válido no interior do recinto. Durante o ciclo de concertos, o público pode recargar o seu saldo desde os seus dispositivos móbiles, mediante uns innovadores tótems distribuídos ao longo do recinto; ou nos puntos de recarga das pulseiras