11 noviembre, 2021
O magomóbil instalarase na Praza da II República e ofrecerá cinco funcións ao longo de toda a xornada do domingo.
A entrada é de balde e sen reserva cun aforo limitado a 60 persoas que obrigatoriamente deberán usar máscara.
O espectáculo xira en torno ás palabras e á lingua galega e inclúese na programación do FalaRedes.
A maxia regresa á axenda cultural de Vilagarcía co novo espectáculo do Mago Antón. O teatro sobre rodas do famoso prestidixitador recala o domingo, 21 de novembro, na Praza da II República para ofrecer un total de cinco funcións de “Mil maxias máis” ao longo de toda a xornada. As palabras e a lingua galega son o leit motiv dos números que farán as delicias do público. A asistencia é de balde e o aforo de 60 persoas por sesión. Haberá funcións ás 12:00, 13:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas. A actividade formas parte da programación do programa FalaRedes de promoción e dinamización da lingua galega.
Nesta proposta máxico-teatral non se fan trucos de mans, non se desvía a atención, non se fan aparecer coellos. Faise maxia da boa a partir das nosas palabras, da nosa historia, do noso patrimonio cultural material e inmaterial.
Mil maxias máis é un espectáculo de maxia dirixido ao público familiar para poñer en valor a nosa lingua utilizando xogos orixinais creados polo mago Antón, coa finalidade de facer que os espectadores lembren a importancia que ten a palabra en galego. O público verá aparecer por arte de maxia e con todo o seu valor simbólico: landras, amorodos, lóstregos, bolboretas e moitas, moitas vasoiras para que todos e todas poidamos voar coa maxia do mago Antón e a da nosa lingua.
O continente deste espectáculo é un teatro sobre rodas: o magomóbil. Trátase dun vehículo expresamente deseñado para a presentación de espectáculos de maxia de cerca e de salón. Este vehículo, de 13 metros de longo, ten unha capacidade para 90 espectadores. Na situación actual, por protocolo Covid, só poderán entrar un máximo de 60 espectadores por función e haberá 5 funcións de 45 minutos cada unha.
Entrar no magomóbil para presenciar Mil maxias máis será como abrir un libro de marabillas, entrar nun mundo fascinante onde todo xira arredor da maxia da palabra. Mil maxias para mil primaveras.
Alerta