‘O teu cole na historia’ adica o mural do CEIP Vilaverde aos profesores Victoriano Vidal Pazos e Josefa Iglesias Vilarelle

Compartir
Mural. Fonte: Concello

O equipo creativo de Polo Correo do Vento (Carlos Taboada e Kike Mauricio), vén de rematar no CEIP Vilaverde (Mourente), o vixésimo mural do proxecto municipal ‘O teu cole na historia’, impulsado polo tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, co obxectivo de que os alumnos coñezan un pouco mellor os seus colexios e o contorno no que se atopan e acaden unha maior identificación con eles.

Nesta nova intervención artística, que vai cunha lembranza para Don Victoriano Vidal Pazos, profesor e antigo director do centro, está moi presente a natureza e patrimonio da parroquia pontevedresa, que aparece representada cun pardal común, os seus cruceiros, a igrexa de Santa María e o seu Mouro de Mourente, o mirador do Picouto, os petróglifos do Monte do Castro ou o carballo senlleiro de Santa Margarida, con Sarmiento paseando. “E por suposto, indica Tino Fernández, tamén está presente Josefa Iglesias Vilarelle, a ilustre mestra de Mourente”.

O programa ‘O teu cole na historia’ xa se traduciu na realización de murais nos CEIP Praza de Barcelos, Daría González, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Froebel, Parada-Campañó, Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio, San Martiño (Salcedo), San Benito de Lérez, Manuel Vidal Portela, Santo André de Xeve, A Carballeira e Vilaverde; os CEP Campolongo e Marcos da Portela, e as EEI Fina Casalderrey, Crespo Rivas e Verducido. A iniciativa da Concellería de Educación tamén ten prevista unha última intervención no CEIP Marcón, antes da posta en marcha duns obradoiros en torno á historia destes murais para o alumnado dos centros educativos.