O Tren do Nadal chega á exuberante estación do Mercado de Abastos e dará servizo entre este venres 3 de decembro e o luns 3 de xaneiro

Compartir
Tren. Fonte: Concello

Un enorme polbo con tentáculos de tres e catro metros porá o colofón á fastuosa decoración da praza municipal.

 

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, achegouse esta mañá ata o Mercado de Abastos de Pontevedra para supervisar a boa marcha dos traballos que as firmas Inbloom e Jukebox Productions están a realizar para decorar as instalacións da rúa Serra coa fastuosidade que merecen estas datas de celebración. A visita da edil socialista, na que estivo acompañada pola voceira das vendedoras e vendedores da Praza, Celia Abal, coincidiu coa chegada á cidade do Tren do Nadal, que será tamén ‘atrezzado’ dun xeito espectacular e que estará en servizo desde este venres 3 de decembro ata o luns 3 de xaneiro.

Tal e como explica Yoya Blanco, “este ferrocarril das ilusións terá a súa estación central de saídas na Praza de España, funcionará en horarios de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas e para subirse a el unicamente haberá que amosar un ticket de compra no comercio local”. “Este Tren do Nadal terá tamén unha utilidade turística, para que os visitantes coñezan o centro de Pontevedra dun xeito máis divertido e somerxéndose no ambiente do Nadal, e realizará o seguinte percorrido polo casco histórico: Praza de España, Riestra, Augusto González Besada, Praza de Galicia, Augusto García Sánchez, Pastor Díaz, Riestra, Gutiérrez Mellado, Fernández Villaverde, Soportais da Ferrería, Peregrina, Michelena e retorno á Praza de España”, avanzou a concelleira de Promoción Económica.

 

Mercado. Fonte: Concello

 

Blanco tamén comprobou “o elegante e exuberante cambio de ‘look’ que o Mercado de Abastos comeza a exhibir para vestirse de gala durante o Nadal”. Entre os elementos desta fermosa composición decorativa inclúense nove focos led W600; iluminación exterior; tres bolas con espellos de 50 centímetros; 42 metros de cortiña cálida decorada con elementos vexetais en sete vigas do teito; tres grilandas iluminadas con luces led e elaboradas con elementos vexetais típicos do Nadal na fachada; unha plataforma tapizada coa lenda da tradición do bico baixo o visgo e logos impresos do Mercado e a Concellería de Promoción Económica, con ramallete iluminado e realizado en verdes variados cun lazo inchable grande, na zona exterior; un arco elaborado con elementos vexetais e naturais de fantasía integrando un lazo vermello na parte superior na entrada principal, e ramalletes vexetais nos laterais dos postos de peixe e o recubrimento da parte superior das bancas cun tecido de veludo de fantasía vermello.

A concelleira do PSOE anima a tódolos pontevedreses “a aproveitar ese decorado coa lenda da tradición do bico baixo o visgo para cumprir coa tradición e achegarse coas súas parellas para inmortalizar un bico coas súas parellas”. “Os gregos foron os primeiros en empregalo en cerimonias nupciais porque era símbolo de fertilidade e, como todos sabemos, o fundador de Pontevedra foi o heroe grego Teucro, fillo do rei Télamo de Salamina, que chegou ás costas da cidade perseguindo á serea Leucoiña”, lembrou a edil.

Segundo adiantou Yoya Blanco, “todo este decorado terá o seu colofón coa instalación dun polbo xigante cunha cabeza de 2,20 metros de diámetro e dous tentáculos exteriores de 3 e 4 metros cada un que sobresaen da fachada”. “Quedará instalado tamén para este venres, cando presentemos o incrible programa de actividades e talleres previsto para o Nadal 2021”, apuntou a socialista.