5 noviembre, 2021
Onte, día 4 de novembro, celebrouse o Pleno municipal no Concello de Ribadumia e, transcorridos 11 minutos dende a constitución do mesmo, os representantes do Partido Popular, do PSOE e de Somos Ribadumia, actuando como se dun só partido se tratase, decidiu levantarse e abandonar o mesmo argumentando unha suposta falta de entrega de documentación no punto 10 da orde do día, pese que o Sr. Alcalde lles pediu expresamente que esperasen ó inicio do debate do punto en cuestión para decidir sobre esa petición.
O equipo de goberno municipal lamenta profundamente a imaxe que se xerou nos veciños e veciñas do Concello, os cales, sen dúbida merecen uns representantes políticos que realmente se preocupen polos seus intereses e non que funcionen como un “tripartito da oposición”, liderado por Enrique Oubiña, co único obxectivo de “levar a contraria” conxuntamente ó equipo de goberno, tal e como manifestou o voceiro do Partido Popular durante a celebración das comisións informativas do pasado martes dirixíndose ós voceiros do Psoe e de Somos Ribadumia.
O grupo da oposición que forman PP, PsdeG e Somos Ribadumia arrastra un conxunto de sesións plenarias nas que, a parte de intentar xerar un espectáculo circense e crear crispación social, non aporta nada no relativo á organización do Concello nin se molesta en debater os asuntos que realmente benefician e preocupan á veciñanza do municipio.
De feito, antes do inicio da sesión deuse lectura a 2 informes que desmontan as queixas manifestadas en 2 escritos presentados por Somos Ribadumia o mércores pola suposta falta de recepción de documentación para os plenos: un asinado pola Sra. Secretaria, onde certificaba que tanto ela mesma coma outros concelleiros da Corporación municipal si que tiveron acceso sen ningún problema a toda a documentación; e outro, asinado polo consultor da empresa que leva a plataforma de xestión municipal, corroborando esa mesma información e certificando que o problema do acceso á documentación referido polo Sr. Oubiña non se debe a problemas técnicos da plataforma.
A pesares disto, a sesión plenaria continuou e o goberno municipal, co obxectivo de cumprir o mandato que lle outorgaron os veciños de Ribadumia, adoptou acordos importantes como a aprobación do Plan de incendios ou a delimitación das zonas de carga e descarga do Concello.
En canto á aprobación inicial do plan de incendios, este supón un grande avance no compromiso de establecer un sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, trala adhesión ó convenio asinado pola Xunta, a FEGAMP e SEAGA.
O punto relativo á delimitación das zonas de carga e descarga vén derivado das peticións e demandas dos comerciantes e locais de ocio do Concello. Búscase facilitar o seu labor a través da fixación duns criterios para establecer zonas de carga e descarga. Tamén se estableceron as características que deberán ter estas prazas tales como adecuarse ás dimensións das actuais prazas de aparcamento, ou contar con sinalización horizontal e vertical adecuada. Nesta primeira actuación téñense previsto establecer prazas de carga e descarga na Avenida Bouza Martín, no Caleixón Loureiro, en Ramón Cabanillas e na Rúa Valle Inclán.
Finalmente dende o equipo de goberno queremos resaltar a importancia da celebración dos Plenos municipais e a relevancia dos acordos que se adoptan nos mesmos á vez que insistimos en animar a oposición a realizar a tarefa que os veciños e veciñas lles encomendaron e asistir ós mesmos.
Alerta