O TSXG avala a actuación do Concello en 2017 contra a seca e anula a sanción da Xunta

Compartir

O Tribunal vén de ratificar a sentencia do Contencioso-administrativo nº1 de Vigo e desestima o recurso da Xunta, quen multara a Vigo por un suposto abandono no control sobre a concesionaria. Os maxistrados aseguran que o goberno de Vigo “puxo os medios para buscar solucións” e “non incorreu na infracción sancionada”. O alcalde pide responsabilidades políticas a Núñez Feijóo.

Abel Caballero valorou este martes este ditame xudicial, que valida a actuación municipal naquelas semanas do outono de 2017 e anula a sanción imposta pola Xunta de Galicia ao Concello ao considerar que o goberno de Vigo e a empresa concesionaria actuaron “para atallar ou paliar os efectos da seca en 2017”, segundo sinala o texto.

“Isto é gravísimo”, censurou o alcalde en rolda de prensa: “No medio dunha situación tan terrible para esta cidade, a Xunta non só non cooperou, non só non fixo o transvase de emerxencia nin baixou o caudal ecolóxico, senón que quixo botar as culpas enriba do Concello poñéndonos unha multa. Foi unha multa por decisión política en abuso de autoridade da Xunta de Galicia, anulada polo TSXG. Señor Feijóo, quen vai asumir a responsabilidade política?”. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, engadiu Caballero, asegura que “a multa era indebida, que o Concello obrara correcta e convenientemente, anula a multa e impón á Xunta ás costas do xuízo por mil euros. Nada menos”.

O Tribunal considera probado que Concello y concesionaria tomaron medidas, entre as que cita o reforzo de seguimento do encoro de Eiras, a petición de redución do caudal ecolóxico, a toma de mostras e a realización de analíticas, ou reunións semanais entre os técnicos municipais e os da empresa. Os maxistrados conclúen polo tanto que, “habéndose postos os medios para buscar solucións polo Concello de Vigo, non se incorreu na infracción sancionada de control sobre a concesionaria”.

Esta sentenza se suma á recentemente emitida polo Tribunal Supremo sobre o IBI do Álvaro Cunqueiro, tamén en favor dos intereses da cidade e contraria, neste caso, á pretensión da Xunta de Galicia de evitar o pago do nomeado imposto. O TS non admitiu a trámite o recurso de casación presentado polo goberno presidido por Feijóo e avalou o sistema municipal de bonificacións no IBI, polo que o hospital de Beade-Valladares deberá abonar algo máis dun millón de euros.