O virtuoso do violín Josef Spacek toca coa Orquestra de Cámara de Galicia no aniversario da Sociedade Filarmónica

Compartir

O Auditorio de Vilagarcía acolle este venres, 3 de setembro, unha interesante cita coa música clásica: o concerto que ofrecerá a Orquestra de Cámara Galega contando para a ocasión coa intervención como solista do prestixioso vilonista checo Josef Spacek. A Sociedade Filarmónica de Vilagarcía organiza este importante evento musical con motivo dos actos do seu quinto aniversario. Para festexar a ocasión, o espectáculo será de balde ata completar aforo, previa retirada de invitación, o cal poderá realizarse o mesmo venres no Auditorio de 11 a 13 horas e de 19 a 20.30. Só se poderán retirar un máximo de 2 entradas por persoa.

Baixo o título de “Un violín virtuoso”, o concerto terá como protagonista ao violinista checo que, xunto coa OCGa, ofrecerá un espectáculo único baseado na interpretación dunha selección das mellores obras compostas para este instrumento por dous grandes clásicos: Vivalde e Saraste.

Do xenio italiano interpretarán “As Catro Estacións”, unha das obras cume e máis populares da música clásica que segue emocionando a todo tipo de audiencias. O programa complétase con “Aires Bohemios”, unha das obras máis virtuosas do español Pablo Saraste, e na que o violinista se enfronta ao lirismo máis apaixonado e aos piruetas técnicas máis deslumbrantes.

Un violín de Guarnieri do ano 1732

Josef Spacek é un dos violinistas máis brillantes da súa xeración. Educado en Chequia e nos Estados unidos baixo a tutela do GranItzhak Perlman, Josef é o gañador de algúns dos concursos de violín máis importantes do mundo. Foi nomeado o concertino máis novo na historia das Filarmónica Checa, posto que deixou para centrarse na súa carreira de solista con algunhas das máis prestixiosas orquestras mundiais, como as de París, Rotterdam, Tokio, Tionhalle de Zurich, Sanghai… Como curiosidade para os máis expertos, Spacek toca un violín “LeBrum; Bouthillard”, fabricado por Guarnieri del Gesú en Cremona en torno ao ano 1732.

A Orquestra de Cámara Galega (OCGa) é a única orquestra profesional de cámara de Galicia e dende a súa fundación en 1995 realiza unha intensa actividade concertística que a levou a presentarse nos mellores auditorios españois e a realizar xiras por Italia, Arxentina, Nova Iorque, Holanda e Viena, entre outros lugares, ademais de ser a orquestra en residencia do festival Groba, compositor do que estrearon e gravaron un amplo repertorio.

Para a organización deste concerto extraordinario, a Sociedade Filarmónica conta coa colaboración do Concello de Vilagarcía e o patrocinio da Consellería de Cultura e o Xacobeo 21-22.