2 septiembre, 2021
Boa parte, das persoas que os utilizaron, fixo compras por importes maiores aos tickets dispoñibles
Os packs permitían realizar compras por importe de 112.500 euros, que ao final se converteron nunha inxección á economía local de 225.000 euros
O Concello rentabilizou deste xeito os 37.550 euros investidos en subvencionar a campaña
As transaccións cos bonos chegaron a todos os sectores de establecementos adheridos, sendo o téxtil e de moda o que concentrou o maior número
A campaña de primavera-verán dos bonos “Son da Casa” repetiu o éxito das anteriores edicións, tendo un efecto máis que positivo no conxunto da economía local. De feito, o volume de negocio xerado nesta edición superou os 225.000 euros, duplicando o valor que tiñan os .3.750 packs emitidos polo Concello, que ascendía a 112.500 euros. Isto débese a que boa parte das persoas que utilizaron os bonos fixo compras por importes superiores aos tickets dispoñibles, animados, seguramente, polo incentivo que supón os 10 euros cos que o Concello subvencionou cada lote de bonos.
A de primavera-verán foi a terceira campaña dos bonos “Son da Casa” posta en marcha polo Concello de Vilagarcía, para contribuír á recuperación da economía local tras os peches e perda de ingresos producidos pola pandemia. En cada unha das edicións, o Concello investiu 37.500 euros e emitiu 3.750 packs de bonos. Cada lote permitía facer compras por valor de 30 euros, dos que os cidadáns só tiñan que aportar 20, xa que os 10 restantes correspondían á subvención municipal.
Máis de 200 pequenos negocios do municipio, comercio de todo tipo, hostalaría e pequenos servizos- adheríronse á campaña, ofrecendo á cidadanía un amplo abano de posibilidades nas que gastar os bonos. Esta circunstancia non só beneficia ao consumidor, se no tamén ao conxunto da economía local, xa que efecto da campaña distribuíuse por todos os sectores do tecido comercial. De feito, as transaccións cos bonos chegaron, en maior ou menor medida, a todas as ramas de negocio participantes na campaña, dende os máis comúns, como tendas de roupa e calzado, a negocios de estética, hostalaría ou alimentación, pasando polos menos numerosos, como drogarías, parafarmacias, tendas de agro e animais ou fotografía, por citar só algúns.
O maior número de bonos e, consecuentemente de gasto, concentrouse nas ramas relacionadas co téxtil e a moda, (tendas de roupa de muller, home e infantil, de deportes, zapaterías e complementos), cun valor de negocio de 47.000 euros. As tendas de electrodomésticos canxearon bonos por valor de 8.500 euros, librarías e papelerías de 7.490, as de estética e perruquería de 7.435 e os de hostalaría de 6.725. Estes son os exemplos máis salientable, pero en realidade, aínda que en menores contías, os bonos chegaron a todo tipo de establecementos.
Alerta