Obras de mellora da estrada PO-190 ao seu paso por Valga por importe de 531.000 euros

Compartir

O concello saca a contratación a segunda fase de mellora da estrada PO-190, na que se investirán 531.000 euros.

Arranxaranse as beirarrúas, as redes de augas pluviais e
abastecemento e melloraranse o firme e a seguridade viaria.

A Axencia Galega de Infraestruturas financiará integramente as obras, que afectarán a un tramo de 800 metros.

O procedemento para executar a segunda fase das obras de mellora da estrada PO-190 en Ferreirós dá un novo paso adiante. O Concello acaba de sacar a licitación o proxecto, no que a Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia realizará un investimento de 531.498,30 euros.

Así remataranse as actuacións iniciadas en 2020 para solucionar as problemáticas que afectaban a esta vía, tales como beirarrúas estreitas, pavimento deteriorado ou o mal estado da rede de augas pluviais e das tubaxes de abastecemento, entre outras.

A primeira fase xa executada afectou a un tramo de aproximadamente medio quilómetro comprendido entre o cruce coa estrada de Vilagarcía e o Auditorio Municipal, cun orzamento de máis de 370.000 euros aportado pola Xunta.

Agora completaranse as melloras entre os puntos quilométricos 0,470 e 1,290. As actuacións que se levarán a cabo nestes oitocentos metros inclúen:

– Arranxo e demolición de beirarrúas para a súa reconstrución, suprimindo barreiras arquitectónicas para favorecer a accesibilidade e facer máis seguro o tránsito de peóns. As
novas beirarrúas realizaranse con pavimento de formigón coloreado de características similares ás existentes no primeiro tramo da estrada.

– Renovación das redes de augas pluviais, abastecemento e alumeado que permitirán mellorar a prestación destes servizos.
– Soterramento da rede eléctrica e tramos da rede telefónica.
– Renovación na súa totalidade do pavimento da estrada mediante o estendido de formigón bituminoso.
– Renovación da sinalización da estrada, especialmente a horizontal, marcando pasos de peóns sobre redutores de velocidade.

Para executar este proxecto o Concello e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade asinaron un convenio de colaboración en base ao cal a Xunta financia integramente as obras. O Concello, pola súa banda, asumirá a titularidade do tramo da estrada arranxado.