29 septiembre, 2021
Barro dedicará 370.000 euros do remanente á mellora da rede viaria, do saneamento, equipamentos e de instalacións municipais
O Concello de Barro aprobará no pleno ordinario do mes de setembro, que se celebrará esta noite, unha modificación de crédito por valor de 369.349,33 euros que se dedicarán a proxectos para a mellora da rede viaria, do saneamento, de equipamentos e instalacións e bens municipais.
Estes preto de 370.000 euros proveñen do remanente de tesourería das contas municipais e véñense sumar aos outros 400.000 euros que o concello de Barro dedicou no mes de marzo á mellora de espazos públicos e a paliar os efectos da crise da Covid-19 no municipio. En total, ao longo deste ano o Goberno municipal dedica un total de 770.000 euros do aforro a distintas actuacións e proxectos para mellorar os servizos e a calidade de vida da veciñanza.
O Alcalde de Barro, Xosé Manuel Fdez. Abraldes, móstrase satisfeito, pois esta modificación de crédito “permitiranos seguir executando proxectos e avanzando na mellora das instalacións e dos servizos municipais”.
A mellora da rede viaria do municipio centra a parte principal das inversións que realizará o Goberno municipal con esta modificación de crédito, acadando unha contía total de 109.562.55 euros que destinará a distintos proxectos. Tamén se dedicarán 35.741,48 euros a melloras e ampliación na rede de saneamento, 104.020 euros á mellora de equipamentos e instalacións municipais, 40.265,7 euros para seguir executando proxectos de aforro enerxético coa substitución de luminarias no alumeado público e 29.000 euros a actuacións de divulgación e conservación do patrimonio, entre as que estará a rehabilitación da capela do San Marco, de titulariedade municipal.
Alerta