1 octubre, 2021
O Vicepresidente Mosquera salientou que o proxecto da obra, que roldará os seis millóns de euros, estará listo en novembro.
Solicitaranse fondos europeos para poder acometer máis obras.
O obxectivo é iniciar a rehabilitación dos edificios centrais do Museo a mediados de 2022. Esa é a intención que hoxe anunciou o Vicepresidente da Deputación e responsable político do Museo, César Mosquera, tras anunciar que o proxecto da primeira fase da reforma estará listo o vindeiro mes de novembro e que a apertura da licitación prevese para final deste ano se continúa o ritmo previsto.
Mosquera compareceu para anunciar o intenso traballo que se está a facer sobre o Museo nos últimos meses. Subliñou que pese a incidencias internas a día de hoxe o proxecto das obras está practicamente rematado salvo por algúns cálculos de estruturas e de instalacións. “O ritmo é ese, salvo contratempos temos todo suficientemente avanzado para que este ano se poida licitar, e a mediados do ano que vén comezar as obras”.
O orzamento da actuación, anunciou Mosquera, quérese axustar todo o posible mais roldará os seis millóns de euros por ser máis ambicioso que o redactado en 2013, (valorado en cinco millóns). Inicialmente, nunha primeira fase realizarase a rehabilitación dos edificios de Castro de Monteagudo e García Flórez, así como a súa conexión soterrada simple. Deixarase para unha segunda fase, a expensas de conseguir máis financiamento e do destino de Santa Clara, a rehabilitación do edificio Fernández López, único inmoble da mazá central que quedaría sen rehabilitar.
As obras da primeira fase consistirán tanto na eliminación dos engadidos realizados entre os anos 20 e 80 para recuperar o estado orixinal e máis antigo da construción de maneira “coherente”, como na dotación de accesibilidade. Unha parte dos inmobles destinarase a zona didáctica e a outra a espazo expositivo para mostras “moi selectas”. En total, dos 1.800 metros cadrados aproveitables, quedarán útiles 1.000 metros.
Alerta