
16 septiembre, 2024
Atender aos nosos maiores, especialmente cando máis o precisan, apostando por políticas públicas de atención á dependencia é esencial para garantir a calidade
de vida e o benestar da veciñanza.
Un dos recursos máis relevantes dos concellos neste sentido é o SAF, o Servizo de Axuda no Fogar, unha prestación básica que xestiona o departamento de ServizosSociais municipais, que dá atención ás familias con persoas dependentes ao seu cargo coa finalidade de axudalas e de que teñan posibilidade de vivir no seu
domicilio mentres sexa posible.
Despois de pasar polo Pleno da Corporación, o contrato abriu a súa licitación, á que se presentaron 8 empresas, tal e como comprobó esta mañá a Mesa de
Contratación, que agora terá que avaliar cada unha delas e adxudicar aquela que resulte máis vantaxosa, seguindo as esixencias técnicas e administrativas
recollidas nos pregos de contratación.
O contrato, que será por dous anos con outros dous de prórroga, recolle unha previsión anual de 70.500 horas ao ano, das cales a gran maioría destinaranse ás
persoas cun grao de dependencia xa recoñecido e unha pequena parte ao que se coñece como o SAF Básico, que se aplica en casos de urxencia nos que a
dependencia aínda está sen recoñecer pero é imprescindible contar co recurso.
Na actualidade, Marín conta con 91 persoas usuarias en dependencia (3 con grao 3, 31 con grao 2 e 1 con grao 1) e 5 no SAF básico. O servizo faise por parte de
persoal cualificado e préstanse coidados de carácter persoal, psicosocial, educativo, preventivo e doméstico, incluso burocrático e técnico.
As empresas concorreron a un prezo de licitación de 1.648.995 euros, o que supón case 7 millóns de contía total da contratación. Desta cantidade, o Concello asume
cerca do 30%, a Xunta case un 50% e o resto cúbrese co pago das persoas usuarias, das que moitas contan con exencións por nivel de renda ou situación de
exclusión social.
Alerta