Oito empresas optan á execución do novo colector entre Pastoriza e Picotes

Compartir
Concello de Marín. Fonte: Concello

O Concello investirá 200.000 euros con cargo ao Remanente de Tesourería neste proxecto, co que se dotará dun sistema de saneamento de augas residuais a esta zona do rural, para revertir os problemas da actual depuradora de Pastoriza, que ten os días contados.

Espérase rematar coa adxudicación de cara ás próximas semanas.

 

A actual depuradora de Pastoriza ten os días contados. O proceso de licitación da obra de creación dun novo colector entre Pastoriza e Picotes recibiu 8 ofertas por parte de distintas empresas para executar os traballos. Así o adiantou o concelleiro de Medio Rural esta mañá, Pablo Novas, que aspira a que a adxudicación “poida realizarse nas próximas semanas”.

Esta obra, que suporá unha inxección económica de 200.00 euros por parte do Concello con cargo ao Remanente de Tesourería, supón un importante proxecto para a mellora do saneamento do rural, xa que permitirá poñer fin aos problemas que desde hai anos dá o mal funcionamento da depuradora de Pastoriza.

A posta en marcha deste proxecto tive o seu inicio nunha reunión coa veciñanza, coa que se consensuou clausurar a depuradora actual pola súa ineficacia, (confirmada de xeito recurrente por informes técnicos), e proxectar unha nova canalización, “que permita prestar este servizo con calidade para os veciños e veciñas de Ardán”, explica Novas.

Este proxecto, cuxa adxudicación está cada vez máis cerca, conta con todas as autorizacións de Medio Ambiente, Patrimonio e Augas de Galicia, necesarias para iniciar o proceso de licitación.

Tal e como comentou o concelleiro de Rural, “con este proxecto afianzamos o noso compromiso co saneamento e, en xeral, a prestación de servizos públicos municipais no rural, tratando de melloralos e prestalos coa maior calidade posible”.