28 septiembre, 2024
Periodista
Foi á biblioteca e alí, no mesmo andar onde estivera, estaban os libros que lle gustaban, as cadeiras que el mesmo usara, as mesas nas que pousaba os libros perforadas e con enchufes para enchufar os ordenadores, o teléfono e a cámara de vídeo para retratar a quen se mova. A biblioteca chea de libros, de coñecemento, de saberes e de experiencias, alí está ergueita, acompañando o pasar do tempo.
No século XIII, xunto co rexurdimento das cidades, aparecen as universidades, empurradas pola curiosidade intelectual, e con elas as bibliotecas, como almacéns de coñecemento, de libros e documentos, abrindo portas para a transformación da sociedade, para os cambios que aínda seguen en marcha.
A finalidade de cada unha e de todas as bibliotecas é esa: adquirir, conservar, estudar e poñer á disposición do público os libros, os documentos e os saberes que conteñen e manteñen. A espléndida, excelente e magnífica biblioteca madrileña da Praza de Colón é un dos contedores culturais máis relevantes da redonda. Foi fundada en 1711 por Felipe V e, en 1836 deixa de ser propiedade da coroa e pasa a depender do Ministerio da Gobernación, co nome de Biblioteca Nacional. Agora, co mesmo nome, depende do Ministerio de Cultura.
Aquí, nesta e noutras bibliotecas, gárdase a memoria do que fomos e do que foron os tempos pasados. Esta memoria está, escrita e debuxada, á disposición dos interesados, dos lectores e observadores que miran para o pasado, de camiño que axudan a construír o futuro. Ao pensar nisto, calquera pode recoñecer e valorar a importancia da palabra gardada e da escritura, en calquera das súas formas.
A importancia que tivo e ten o papel, inventado en China uns cento cincuenta anos antes de Cristo, foi relevante. Procedía dunha pasta feita coa mestura de materiais téxtiles, como a fibra de seda, e vexetais, entre eles o cáñamo e o algodón. Aínda que, segundo contan, tamén se facía papel de bambú, moreira, liño, palla de trigo e arroz. A expansión do papel comeza no mundo islámico, de tal forma que, a finais do século VIII, en Bagdad había fábricas de papel e en Exipto, no século X. A produción nestes casos era maioritariamente de trapos vellos. Sería importante saber que produto vai empregar Altri en Palas de Rei, se chega o caso. E onde estarán as plantacións para a produción do mesmo?
En Europa o primeiro muíño de papel construírono os árabes, no ano 1150, en Xátiva (Valencia) e, paso a paso, foi achegándose a outros países, xeneralizándose a súa fabricación a partir de mediados do século XIV. Agora, os fabricantes son portugueses. Quen o diría!
Alerta