4 noviembre, 2021
A mostra expón 150 modelos feitos con papel pregado, por 50 autoras e autores de 17 países diferentes, escollidos entre os fondos da Escola Museo de Origami de Zaragoza, (EMOZ).
O éxito da exposición ‘Origami, de papel a obra de arte’ “está asegurado de antemán” e “converterase nunha interesante opción para pechar o ano e comezar o 2022” no Museo de Pontevedra “sen deixar a ninguén indiferente”. Así o manifestou hoxe o director do Museo Xosé Manuel Rei, na apertura ao público da colección chegada da Escola Museo de Origami de Zaragoza (EMOZ), facendo unha chamada para visitar a mostra dende hoxe ata o 23 de xaneiro.
A exposición pretende facer un percorrido pola historia do pregado do papel a través da obra orixinal dalgúns das mellores persoas creadoras a nivel mundial. As pezas seleccionadas van máis alá das pequenas paxariñas ou barquiños de papel: “van moito máis aló. Son auténticas esculturas cheas de complexidade e expresividade, que provocarán o asombro das persoas que as contemplen, se temos en conta ademais que foron realizadas cun só papel, sen ningún tipo de cortes e unións e sen pegamentos”, apuntou Rei.
Na sala de exposición poderán contemplarse 150 modelos feitos por 50 autoras e autores de 17 países diferentes que amosan distintas técnicas, para crear dende obras moi sinxelas a verdadeiras obras de arte e enxeños de papel de carácter hiperrealista, escultórico ou xeométrico. A mostra estará dividida en varias zonas, unha primeira de ‘Introdución’ e outras denominadas ‘Origami elemental’ , ‘Origami esencial’, ‘Origami orgánico’, ‘Origami hiperrealista’, ‘Origami escultórico’, ‘Origami xeométrico’, ‘Origami teselado’ e finalmente ‘Non origami’ ou metaorigami.
O director da Escola Museo Origami Zaragoza (EMOZ), Jorge Pardo, asegurou que a mostra no Museo de Pontevedra é a máis importante das que a entidade zaragozana leva feitas en todo o Estado tanto pola cantidade de pezas amosadas como pola súa calidade. Explicou que por cuestións de mantemento todas as obras que son expostas deben pasar despois un ano retiradas da vista ao público, para garantir a súa estabilidade polo que subliñou a excepcionalidade do evento.
Alerta