13 agosto, 2021
O primeiro sábado das Festas de San Roque chega cargado de música tradicional e tamén de pop e rock. O prato forte da xornada de mañá serán os concertos do Parque da Xunqueira, onde a xuventude e o prometedor rock da banda vilagarciá TNT Band dará paso á experiencia e ao éxito xa consagrado do pop-folk dos británicos Inmaculate Fools. O programa do día inclúe unha sesión de teatro de monicreques para o público infantil e unha animada sesión de pasarúas coa que o son da gaita e a sonoridade dos instrumentos de percusión encherán de ambiente festivo as rúas da cidade.
Axenda do día
12:30 – Xardíns de Ravella Compañía: Paporrubio Espectáculo: “Varietés do animalario”
Tipo espectáculo: teatro/monicreques Duración: 50 minutos
Nun contexto humorístico e divertido, a raposa e o lobo vense envoltos nun conflito pola propiedade dunha pereira con sete peras, á que misteriosamente lle van desaparecendo as peras unha a unha. No texto vense cuestionados os roles habituais que teñen a raposa e o lobo na cultura galega de tradición oral: os dous vólvense vexetarianos, son rexeitados polos seus grupos habituais de compañía e acaban sendo compañeiros a causa do amor pola pereira coas sete peras. Todo isto, acompañados das características humorísticas clásicas da tradición de monicreques galega: os enredos lingüísticos, a cachaporra, a astucia do heroe e do antiheroe….
Entrada de balde ata completar aforo, 20 minutos antes da actuación.
13:30 – Rúas da cidade. Pasacalles
Grupo de gaitas Os Trasnos de Guillán
20:00 – Parque da Xunqueira Concertos Son da Casa: TNT Band
Banda composta por catro mozos vilagarciáns de 19 anos, que levan co seu grupo TNT Band dende 2015. A pesar da súa xuventude, xa teñen actuado nas festas de San Roque e contan con dúas participacións no MusicAula School Festival, quedando no ano 2018 nun meritorio segundo lugar entre as máis de 100 bandas do Estado. Nese mesmo ano auto editaron o seu primero traballo “Parte colectivo”. O 2019 quedará na memoria destes rapaces como o ano do seu salto aos grandes escenarios e a súa consolidación en locais e festivais de toda Galicia como Revenidas, o Wild Fest de Vigo, e o Oeste Rock de Catoira e un largo etc…
No 2021 están presentando o seu segundo disco “Compañero”, un traballo concibido durante a pandemia.
TNT Band chegou para quedar e dar guerra a todos eses sons pregravados, ás voces apañadas con auto tune, ás melodía repetitivas e faltas de sentido musical. E fano coma mellor saben, con dúas guitarras, un baixo, unha batería, distorsións, unha letras comprometidas e unha enerxía en directo que merece a pena sentila.
Entrada de balde con reserva previa en www.woutick.es
20:30 – Rúas da cidade
Pasacalles
Grupo de gaitas Airiños do Carril
22:30 – Rúas da cidade
Pasacalles
Grupo de percusión Latexo
Latexo é son. Latexo é movemento. Latexo é unha explosión de ritmo e enerxía. Latexo achega a percusión, a música e a alegría a todas as persoas. A través dun espectáculo de animación único, baseado na batucada brasileira, a percusión de rúa de Latexo transportaranos a diferentes lugares do mundo nos que a alegría, o ritmo e o movemento son parte fundamental do cotián.
23:00 – Parque da Xunqueira
CONCERTO: Imaculate Fools
Immaculate Fools é un grupo británico de pop-rock con tintes folk formado en 1984 por dúas parellas de irmáns: Kevin e Paul Weathherill e Andy e Peter Roos. A formación saltou á fama en todo o mundo en 1985 co tema homónimo «Immaculate Fools», do seu primeiro disco Hearts of Fortune, sento todo un éxito. Nos seguintes anos, a banda percorreu todo o mundo coa súa música, marcando unha época que aínda se lembra. A formación orixinaria mantívose en activo ata 1997, despois de ter publicado seis álbums de estudio.
En 2016, Kevin Weatherill, compositor e líder fundador de Inmaculate Fools, vénse a vivir a Galicia, e refunda o grupo incorporando a prestixiosos músicos galegos como Paco Charlín, Max Gómez e Antonio Casado, que xunto a Harry Prize e Linda Lamb forman unha banda que, en palabras do propio Kevin, é “amazing”.
No concerto de mañá en Vilagarcía non faltarán os grandes éxitos da banda como “Hearts of Fortune”, “Price”, “Got me by the Heart”, “Sad” e moitas máis, pero tamén se poderá gozar dops temas do seu novo álbum ” Stardust and Water”.
Entrada de balde con reserva previa en www.woutick.es
Alerta