‘Os brancos segredos do seu ventre’ un catálogo galego na feira de arte de Arco

Compartir
Carlos Rosón, Anxo M Lorenzo e Mariano Mayer

O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, presentou esta fin de semana na Feira Internacional de Arte Contemporáneo ARCO Madrid 2021 o catálogo da exposición do Museo Centro Gaiás Os brancos segredos do seu ventre, publicación á que lle deu categoría de “peza artística”.

Anxo M. Lorenzo atribuíu esta consideración ao deseño realizado por Santiago Carballal e a calidade dos textos de Ignasí Aballí, Mariano Mayer e Bea Espejo, comisaria da exposición. A mostra pode verse ata o 5 de setembro na Cidade da Cultura e nela amósase unha selección cromática de medio cento de obras dos fondos da Fundación Rosón de Arte Contemporáneo (Rac).

Precisamente, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade estivo acompañado polo presidente da Fundación Rac, Carlos Rosón; pola comisaria de Os branco segredos do seu ventre, Bea Espejo; e polo crítico de arte, xornalista e poeta Mariano Mayer (Buenos Aires, 1971). Este colaborador do diario arxentino Clarín é o responsable de que o catálogo estea enriquecido con 170 fichas dos artistas que compoñen todo o fondo desta colección privada, considerada Fundación de Interese Galego, Premio Arte e Mecenado da Obra social “la Caixa” e unha das máis relevantes de España no eido da arte contemporánea.

Textos de Ignasi Aballí e Bea Espejo
Na presentación en ARCO, Anxo M. Lorenzo explicou polo miúdo o contido do catálogo, no que xunto cun relato argumentando da comisaria sobre os diversos eixes nos que se apoia a exposición, acompáñalle un texto de Ignasi Aballí, “que se aproxima ao igual có catálogo á categoría de peza artística”, enfatizou.

Neste senso, o secretario xeral de Cultura afondou que o texto de Aballí —autor do proxecto que representará a España na vindeira Bienal de Venecia— baséase nunha listaxe de referencias sobre a cor, desde as que se ten atopado no eido da arte ás que ten visto durante un simple paseo pola rúa ou en anuncios publicitarios. “Unha miscelánea que dá conta do complexo e expansivo que pode chegar a ser a cor e a linguaxe”, valorou.

Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo incidiu en que o catálogo de Os branco segredos do seu ventre permitir gozar “de forma inusualmente visual“ da proposta cromática de 53 obras que fai a comisaria na súa selección para esta mostra da Cidade da Cultura de Galicia e puxo en valor que se complete con fichas dos 170 artistas que forman parte da colección de Carlos Rosón “para, desta forma, reflectir dun xeito máis preciso a súa paixón como coleccionista”.

A obra da portada e o vencello coa exposición e co Museo Gaiás
A publicación —de máis de 300 páxinas e editada en galego, español e inglés— ten como portada a lura xigante de porcelana de David Zink Yi (Lima, 1973), feita nun estilo minuciosamente realista e que ten espazo destacado na exposición da Cidade da Cultura.

Esta peza ten un estreito vencello co espazo arquitectónico do Museo Centro Gaiás, xa que o arquitecto Peter Eisenman se inspirou nunha balea para deseñalo e á vez ten relación co título da exposición, Os brancos segredos do seu ventre, extraído da novela Moby Dick e ao ser a especie mariña ideada polo artista peruano o alimento favorito dos grandes cetáceos, como o protagonista da novela Herman Melville.