Os cachorros arroxados a un colector en Sanxenxo recupéranse no Caan da Deputación

Compartir

Os seis cachorros que a pasada semana foran arroxados nun colector en Sanxenxo recupéranse coa súa nai no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra. Os cans e cadelas chegaron nun estado moi delicado, con apenas horas de vida e cunha grave hipotermia, e de momento están a ser aleitados pola súa nai e evolucionan de xeito favorable , con especial vixilancia por parte do persoal do centro, aínda que pola súa curta idade seguen a ter un gran risco.

Os cachorros son catro femias “Brisa”, “Brétema”, “Laias” e “Centella” e dous machos, “Mauro” e “Allo”, que foron recollidos nun dispositivo conxunto da Garda Civil e a Policía Local de Sanxenxo tras ser abandonados nun colector de lixo. Tras localizar ao propietario, contra quen o Seprona instruíu dilixencias por un presunto delito de maltrato animal, este deixou que a nai, “Lúa”, fose levada ao centro da Deputación para aleitar as súas crías. De seguir a súa boa evolución, os cachorros sairán en adopción unha vez teñan completada a súa pauta de vacinación completa, aproximadamente aos tres meses de idade.

Lamentablemente, o problema do abandono animal segue a amosar tristes exemplos estes días e estes non foron os únicos cachorros recollidos polo CAAN. Persoal do centro desprazouse a Vilaboa o pasado venres tralo aviso de Protección Civil para recoller tamén a unha nai, “Tela”, e as súas dúas crías, “Mini” e “Lola”, que teñen dous meses e medio e que apareceron abandonadas na zona de Postemirón. Tamén neste caso os animais están a evolucionar favorablemente nas dependencias do CAAN.