15 diciembre, 2021
O Concello de Pontevedra acolleu esta mañá o encontro de constitución do comité organizador do Campionato Mundial U-23 de Loitas Olímpicas e dos campionatos mundiais U-17 e U-20 de Grappling, que a nosa cidade albergará en outubro do vindeiro ano. A reunión estivo presidida polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e mailo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e nela participaron o presidente da Federación Española de Loitas Olímpicas (Feloda), Francisco Javier Iglesias; o presidente da Federación Galega de Loita (Fegaloita), José Luis Olazábal; o director deportivo da Fegaloita e das competicións, Pablo Pintos; o adestrador da Fegaloita Alexander Kachelaev; o director do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), Jesús López; o coordinador do Servizo Municipal de Deportes, Jaime Agulló, e o técnico municipal David Pérez Araújo.
O encontro serviu, ademais de para establecer os nomes dos membros do comité organizador, para dar a coñecer a imaxe e logotipos destes mundiais, incluíndo un díptico con información sobre a experiencia previa de Pontevedra na organización de eventos internacionais de tríatlon, balonmán e loita, as instalacións do Pavillón Municipal dos Deportes, os aeroportos veciños, a oferta hoteleira, o Camiño de Santiago e a nosa cultura, gastronomía e praias. O comité organizador quedará conformado polo alcalde; o secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa; os presidentes das federacións española e galega e Loita; un representante da Federación Internacional de Loita, Pedro Amoedo; o director das competicións, Pablo Pintos, e Alexander Kachelaev, como enlace coa Federación Internacional.
Na comparecencia posterior ao encontro, na que tamén participou José Ramón Lete, o presidente da Federación Española de Loita lembrou que, á marxe do Campionato Mundial de Loitas Olímpicas U-23 que terá lugar entre os días 17 e 23 de outubro de 2022, “Pontevedra tamén acollerá nos tres días previos os campionatos mundiais U-17 e U-20 de Grappling, que é unha loita que está a evolucionar moi rápido e na que España é unha potencia a nivel internacional”. Francisco Javier Iglesias indicou que nos últimos campionatos mundiais participaron uns 60 países, polo que se agarda “a presenza na cidade dunhas 1.500 persoas durante dez días, só do que serían competidores e adestradores”.
Alerta