21 enero, 2025
Os concellos gobernados polo Partido Popular de Galicia plantan cara á negativa do Goberno central a permitirlles utilizar os seus remanentes orzamentarios. Acusan ao executivo de Pedro Sánchez de privar ás administracións locais de autonomía para mellorar os servizos públicos e afrontar os sobrecustos derivados da súa xestión: «Non temos a culpa dos desastres económicos doutros gobernos nin da súa mala xestión», denunciaron.
A cuestión foi abordada hoxe nunha reunión informativa con alcaldes e portavoces, na que participaron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o voceiro do partido na Fegamp, Ángel Moldes, e a responsable de Administración Local no Goberno galego, Natalia Prieto.
Ángel Moldes, vicepresidente primeiro da Fegamp e voceiro popular no organismo, destacou a preocupación existente entre «os concellos que fixemos as cousas ben e temos un superávit que non nos permiten investir en cuestións prioritarias para a nosa sostibilidade económica». Moldes criticou que o Goberno central non respecte a autonomía municipal para decidir onde e como destinar os recursos que pertencen á veciñanza.
Segundo explicou, estes remanentes poderían destinarse tanto a reforzar servizos públicos esenciais como a cubrir os sobrecustos derivados da súa prestación.
«Xa que o presidente da Fegamp insiste nas dificultades do financiamento local, é a súa oportunidade para dar voz ao municipalismo e reclamar ao Goberno de Sánchez que nos dea autonomía», subliñou Moldes. Ademais, anunciou que o Partido Popular presentará unha moción nos plenos municipais esixindo que se permita ás administracións locais empregar os seus superávits de maneira autónoma.
Os populares galegos insisten en que a restrición actual supón un freo á capacidade de mellorar a vida dos cidadáns desde os concellos e reclaman unha resposta clara e inmediata por parte do Goberno central.
Alerta