26 noviembre, 2021
O III Roteiro de Traxes Tradicionais poderá visitarse durante dúas semanas nas vitrinas de Mercería Anabeti, Pontetela, Tegal, Tintorerías Elegante, Entretelas e Estilo Aramar.
A exposición, composta por 15 espectaculares vestimentas históricas, será inaugurada mañá cun percorrido explicativo no que participará a concelleira socialista Yoya Blanco.
Tralo furor causado en outubro na Praza de España pola II Pasarela de Traxe Tradicional de Pontevedra ‘Co pano de namorar na faldriqueira’, as vestimentas históricas galegas regresan ás rúas da nosa cidade co III Roteiro de Traxes Tradicionais, organizado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa Asociación Etnográfica Sete Espadelas. A través desta mostra efémera, que xa se celebrou cunha fantástica acollida de público e crítica en 2019 e 2020, os escaparates dos oito comercios participantes converteranse durante as vindeiras dúas semanas nunha sorte de museo ao aire libre no que se exhibirán 15 espectaculares vestimentas tradicionais.
A exposición será inaugurada mañá pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, que acompañará ao presidente de Sete Espadelas, David Quiñones, e ao voceiro do colectivo José Luis Rodríguez, nun percorrido explicativo no que se darán a coñecer algunhas singularidades de cada traxe ou peza tradicional, facendo mención á súa historia, o lugar no que foi recollida ou o traballo de reprodución levado a cabo pola Asociación, (con saída ás 12:30 horas da mercería Entretelas, na rúa Peregrina).
Tal e como sinala Yoya Blanco, “cada comercio participante cederá un pequeno espazo dos seus escaparates para a instalación dos manequíns, tentando sempre que estes ‘convidados’ vestidos cos traxes tradicionais manteñan a liña estética e comercial do establecemento”. “O público que se achegue para desfrutar desta mostra da cultura popular galega e da nosa vestimenta tradicional poderá atopar traxes de home e muller, ourivería, complementos… Tódalas pezas expostas serán antigas ou reproducións fidedignas de pezas tradicionais e cada traxe, complemento antigo ou xoiería estará acompañado dun cartel explicativo”, avanza a concelleira do PSOE.
Yoya Blanco asegura que “esta exposición xoga un importante papel de dinamización comercial en lingua galega, achegando o galego aos escaparates do comercio local e fomentando o coñecemento de novos termos descoñecidos para a maioría de nós, e de enxalzamento da nosa indumentaria tradicional”. Asemade, segundo apunta a edil socialista, “aumenta a afluencia de xente aos diferentes comercios que participan e, en consecuencia, a visualización dos seus escaparates e oferta”, sendo “unha fonte de publicidade gratuíta para comercios (a lista de firmas participantes está nos carteis e publicidade da mostra)”. “O Roteiro ten ademais un grande labor didáctico, para achegar o traxe tradicional ao público en xeral e aos nenos e nenas dos nosos centros educativos”, subliña a concelleira.
Alerta