9 septiembre, 2021
Os escolares que hoxe inician o curso nos tres centros educativos situados na Lomba (Vagalume, Arealonga e A Lomba) poderán acudir ás aulas dun xeito máis cómodo e seguro que en anos anteriores a través da ensanchada Rúa Xunqueira. A obra de retranqueo do muro do recinto dos dous últimos centros rematou hai algo máis dunha semana tal como tiña previsto o Concello, promotor da actuación executada por Covsa, de xeito que a vía gañou dous metros de ancho que permitiron crear un corredor o suficientemente amplo para que os peóns non teñan que invadir a calzada, como acontecía ata o de agora polo angosto dunha vía altamente transitada ás horas de entrada e saída dos colexios.
A obra, executada e financiada polo Concello de Vilagarcía cun investimento de 41.000 euros, trátase da primeira fase dunha actuación máis ambiciosa, que se completará máis adiante coa execución do proxecto de creación dos “camiños escolares seguros”, tamén promovido pola Concellería de Mobilidade e cuxos pregos xa se están redactando. Por esta razón, polo momento o corredor para peóns habilitado na zona gañada co retranqueo permanecerá en terra compactada con pisón, en espera de que se acometa o acondicionamento acorde co proxecto dos camiños escolares. Para financiar esta outra actuación, o Concello ten xa solicitado acollerse ao Plan MOVE, participado con fondos europeos, e de ser preciso, usar fondos propios ou recorrer a liñas de subvencións doutras administracións.
Os camiños escolares seguros son un sistema de rutas pensadas principalmente para promover o acceso seguro a pé ou en bicicleta aos colexios. Pero tamén para facilitar os desprazamentos en coche dos que levan os nenos neste medio, mediante a creación de puntos específicos para realizar paradas rápidas para deixar e recoller aos cativos. É o que se coñece como puntos “bico e vai!”.
Alerta