Os mellores escaparates de Tomiño terán premio

Compartir
Escaparates de Tomiño. Fonte: Concello

O Concello organiza a “Campaña de Nadal + Nadal 2021 na que poden participar comercios e servizos locais.

Os clientes que realicen compras nos mesmos entrarán nun sorteo por vales de compra.

 

Os comercios de Tomiño, así como os seus clientes e clientas terán premio este Nadal. O Concello organiza a “Campaña de Nadal + Nadal 2021. As túas compras de Nadal en Tomiño valen dobre” coa participación da asociación de comerciantes ADETO.

A Campaña terá como beneficiarios aos comercios e servizos do Concello de Tomiño e aos clientes que realicen compras nos mesmos entre o 9 e o 24 de decembro de 2021.

Quedan excluídos os comerciantes que desenvolvan a súa actividade en mercados municipais e os comercios de primeira necesidade como panaderías, carnicerías, peixerías, farmacias e supermercados, pero si pequenas tendas de alimentación, de ámbito local.

Os Comercios e servizos do Concello de Tomiño que desexen participar deben solicitalo cubrindo a instancia que figura na sede electrónica da web tomino.gal, desde o 22 de novembro de 2021 ata o 1 de decembro de 2021, comprométense a decorar os seus escaparates ou no caso de non contar con escaparate, os locais comerciais, como mínimo desde o 9 de decembro de 2021 ata o 6 de xaneiro de 2022. A base da decoración serán elementos naturais que poderán acompañarse con elementos decorativos de Nadal.

Os Comercios e servizos adheridos á campaña conformarán a “Ruta Nadal+Nadal” e terán dereito á participar no concurso de premios á mellor decoración. Cada un dos comercios ou servizos só poderá acceder a un destes premios:

1º Premio Mellor escaparate ………………………… 500,00€
1º Premio Mellor local …………………………………. 500,00€
2º Premio Mellor escaparate ………………………… 250,00€
2º Premio Mellor local …………………………………. 250,00€

O xurado estará composto por 2 representantes do comercio local, 1 representante do Concello de Tomiño e 2 Artistas locais, e emitirá o seu fallo o día 30 de decembro de 2021 ás 20.30h no salón de plenos do Concello de Tomiño.

 

Vales de compra

Por outra banda, en cada local participante instalarase unha urna na que os clientes que realicen compras entre 9 ao 24 de decembro de 2021, ambos inclusive, por un valor superior a 20€ e por un máximo de 100€, poidan depositar o seu tícket de compra.

Os propietarios dos tíckets que resulten premiados recibirán un vale de compra polo dobre do valor do tícket depositado.

Os vales premiados poderán ser empregados en calquera dos comercios e servizos participantes na “Ruta Nadal+Nadal” entre o 29 de decembro do 2021 e o 6 de xaneiro do 2022.

Os nomes, DNI e números de teléfono dos tíckets premiados serán recollidos nunha acta que será asinada polo Concelleiro de Promoción económica ou pola alcaldesa e por un representante de ADETO. Os vales de compra estarán a disposición dos premiados nos oficinas do Concello de Tomiño desde o día 29 de decembro de 2021 ata o día 5 de xaneiro de 2022 en horario de 9 a 14 horas.

O importe dos vales de compra abonarase por parte do concello de Tomiño mediante transferencia bancaria aos comerciantes o titulares dos servizos participantes, previa presentación dos vales de compra e as facturas correspondentes, ata o 28 de xaneiro de 2022.