Os peregrinos do Camiño Portugués contan cunha nova área de descanso no Pino

Compartir
Area de descanso O Pino. Fonte: Concello

Instalouse unha marquesiña cunha mesa, bancos de madeira e outro mobiliario.

O Concello e Turismo de Galicia investiron case 20.000 euros nesta actuación de posta en valor da Ruta Xacobea.

 

Os peregrinos que transitan polo Camiño Portugués contan xa cunha nova área de descanso habilitada no lugar do Pino, a escasos 200 metros do albergue.

A empresa Construcións Martínez Lemos S.L. encargouse da execución das obras durante as últimas xornadas, instalando unha marquesiña con estrutura de pedra e madeira e pavimento de granito sobre base de formigón. Esta zona cuberta servirá como punto de selado de credenciais e, ademais, proporciona abrigo aos camiñantes, que poderán descansar e guarecerse da calor na época estival e da chuvia no inverno.

 

Area de descanso O Pino. Fonte: Concello

 

O proxecto tamén incluíu a dotación de mobiliario, coa colocación dunha mesa e bancos de madeira, papeleiras e un panel con información sobre as dúas rutas xacobeas que discorren por Valga, (o Camiño Portugués e a Ruta Marítimo-fluvial). Tamén recolle fotografías e datos sobre os principais recursos turísticos do municipio.

 

 

Area de descanso O Pino. Fonte: Concello

 

Para completar os traballos, instalouse na zona un valado de madeira tralo que se situarán os contedores de recollida do lixo para minimizar o seu impacto visual.
Esta actuación, na que se investiron case 20.000 euros, foi cofinanciada polo Concello e a Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia. O obxectivo é avanzar no embelecemento e posta en valor do Camiño ao seu paso por Valga, tendo en conta que se trata dun dos principais recursos turísticos do municipio. De aí que o goberno local trate de ofrecer unha ruta o máis atractiva posible para que os peregrinos se animen a percorrela e pasen o maior tempo posible no municipio.

 

Area de descanso O Pino. Fonte: Concello