Os servizos esenciais da pandemia e Susana Rodríguez Gacio, Medallas de Ouro da Cidade

Compartir
O alcalde durante o acto dos premios Viguesas e Vigueses Distinguidos 2020. Fonte: Concello

O Auditorio Mar de Vigo acollerá o vindeiro 15 de novembro a Gala de entrega dos galardóns Viguesas e Vigueses Distinguidos, e o acto do Día de Galicia.

Os dous eventos foran suspendidos por mor da pandemia e da climatoloxía, respectivamente.

 

 

“Imos facer unha excepción porque pasaron cousas na cidade e faremos entrega de dúas Medallas de Ouro da Cidade”, este ano, explicou o alcalde que propoñerá, en primeiro lugar, ao sector dos servizos esenciais de Vigo, que traballaron durante a pandemia para o benestar cidadán: supermercados, farmacias, panaderías, colectivos de limpeza e desinfección, ámbitos de atención sanitaria e parasanitaria, equipos tecnolóxicos e de telecomunicacións, colectivos de prensa e papelería, colectivos de transporte de mercadorías e de pasaxeiros que garantiron o abastecemento.

En segundo lugar, Susana Rodríguez Gacio será Medalla de Ouro da Cidade: medallista olímpica, deportista de nivel mundial cunha “dimensión deportiva excepcionalmente importante e unha dimensión humana inmensa, infinita, pola súa capacidade de actuar e estar ao carón de quen o precisaba durante tanto tempo”. Caballero destacou tamén que a súa acción deportiva “a fixo ser unha persoa referente neste planeta” salientando o seu triunfo nas Olimpíadas de Tokio.

O Auditorio Mar de Vigo acollerá o 15 de novembro o acto “fusionado” de entrega dos Viguesas e Vigueses Distinguidos, adiado en marzo por mor da pandemia, e de conmemoración do Día de Galicia, suspendido pola climatoloxía no mes de xullo. “Imos retomar estas reunións para render homenaxe a tanta xente de Vigo que o merece”.

O rexedor lembrou que o lector do bando da Reconquista será Francisco Puga, presidente de Delta Vigo e o pregón do Día de Galicia correrá a cargo de Andrés Fernández, CEO do grupo Zendal.

Os galardóns propostos para Viguesas e Vigueses Distinguidos este ano son: Francisco Castro, director de Editorial Galaxia e escritor; Nico Rodríguez, medallista olímpico; Antonio Estévez, xornalista deportivo con 45 anos de traxectoria; os centros educativos que cumpren 50 anos: Martín Codax, Fonte Escura e Cristo da Vitoria; Antonio Coello, ex subdelegado do Goberno en Pontevedra e ex concelleiro de Vigo; os mercados municipais de Vigo: Bouzas, Calvario, Travesas, Progreso, Cabral, Berbés e Teis e un galardón ex aequo para as traballadoras sociais, educadoras sociais e técnicas de inclusión social do Concello de Vigo e para cos catro comedores sociais: a Fundación Casa da Caridade de Vigo – Hogar San José (Sor Fernanda -María Fernanda García Rodríguez), Misión do Silencio (Sor Guadalupe -María Guadalupe Egido Pérez), o comedor do Albergue Municipal e a Asociación Freixeiro de Axuda ao Necesitado (AFÁN) que leva Hortensia Fernández.